As padexeiras do país representan 32% do total no Estatal de Inverno

O Campionato de España, escaparate galego.
O certame será en Sevilla (Foto: Fegapi).
photo_camera O certame será en Sevilla (Foto: Fegapi).

A capital andaluza, Sevilla, acolle o LII Campionato de España de Inverno Júnior Sub-23 e sénior, onde participarán 845 deportistas pertencentes a 113 clubs de todos os currunchos do Estado que se darán cita no Guadalquivir ao seu paso pola illa da Cartuxa. Alí, a representación galega estará formada por 30 equipos e 273 padexeiros e padexeiras, o que supón 32% do total de participantes.

Esta competición desenvolverase ao longo de todo o día tanto mañá sábado como o domingo 20 de marzo, coa novidade de que a clasificatoria para as finais de 5.000 metros será sobre a distancia de 3.000 metros en liña, na que obterán o pase para a final as 70 primeiras.

Ademais, a categoría máster adquirirá maior protagonismo e terá as súas propias competicións por idades tanto nas embarcacións individuais como nas dobres.

Na clasificación xeral por equipos o Kaiak Tudense parte con opcións de loitar polo podio, para o que contará con 27 deportistas. Os principais rivais dos do sur da Galiza serán o Club Escola de Piragüismo Aranxuez e o Club Náutico Sevilla.

Outras formacións cun elevado número de participación son Fluvial de Lugo, con 22; Piragüismo Rías Baixas, con 20 e o Club As Torres, con 19 padexeiros e padexeiras.

A Liga Galega de Traíñas comeza o 18 de xuño

Cambiando de deporte, máis sen deixar de lado o medio acuático, a Liga Galega de Traíñas (Liga LGT) comezará a súa nova tempada o sábado 18 de xuño cunha regata de presentación. Esta campaña 2022 tamén será especial polo novo récord de participación na categoría feminina, pois serán nove as traiñeiras na liña de partida: Cabo da Cruz, Chapela, Perillo, Tirán, Ribeira, Rianxo, Pobra, Castropol e Mugardos.

Comentarios