Estrella Galicia abstense na disputa polo control do clube

Paco Zas chega á presidencia dun Dépor dividido grazas ao apoio de Tino Fernández

33.859 accións, 53 por cento do capital representado na xunta de accionistas realizada esta terza feira en Palexco. Esas son as credenciais que levan Paco Zas, ex futbolista da canteira branquiazul e profesional do sector inmobiliario, á presidencia do Dépor. Chega basicamente grazas ao apoio do presidente demisionario e segundo accionista do clube, Tino Fernández. Estrella Galicia, máxima tenedora de accións, optou por se abster.

Paco Zas
photo_camera Paco Zas, o terceiro pola esquerda, posa cos executivos que o acompañan no novo consello de administración do Dépor

Zas gañou un partido máis disputado do previsto fronte a un Fernando Vidal que se fixo co apoio de 24.956 accións. O discurso do novo presidente, trufado de loas á xestión de Tino Fernández, recibiu non poucos apupos de largos sectores das persoas accionistas presentes en Palexco, sinal de que a base social do clube —dividida entre tinistas e lendoiristas— está ben lonxe de estar pacificada.

O discurso de despedida de Tino Fernández tampouco foi precisamente unha achega para a distensión, ao pór o acento no lastre económico que aínda arrastra o clube —80 millóns de débeda— e ao enviar un recado aos críticos: esa situación financeira, da que os tinistas responsabilizan Lendoiro, impediría ao Dépor actual fichar futbolistas internacionais brasileiros ou os xogadores número 12 de Real Madrid e Barcelona (cruciais na construción do SuperDépor).

Por súa parte, Paco Zas deixou varios titulares na súa intervención. Todos eles apuntaron nunha liña continuista a respecto da xestión de Fernández. Non é menor nese sentido o anuncio de que o director deportivo Carmelo del Pozo —a quen os críticos responsabilizan dunha política de fichaxes que ten neste momento o equipo fóra dos postos do play off de ascenso— vai continuar á fronte da estrutura técnica. Zas tamén fixo apelos a que a canteira de Abegondo se abra paso e a fichar valores mozos de fóra só no caso de que melloren o que hai na casa.

O tinismo non conseguiu o apoio do máximo accionista do clube, unha Estrella Galicia que, fracasada a operación de promover o ex futbolista brasileiro Mauro Silva, preferiu facerse a un lado e non entrar na disputa polo control da entidade. Zas chega á cúpula do poder executivo con menor apoio do que contou Tino Fernández no seu momento e co balance económico máis saneado —menos débeda a curto prazo após o acordo con Abanca—. Mais a frente principal de batalla, e pola que lle pedirán conta os accionistas, está no campo do xogo. E aí o Dépor está nunha situación moi incerta, abocado a facer un pleno nos últimos dous partidos da liga e a agardar que Cádiz ou Mallorca fallen no tramo final do campionato para, in extremis, se enganchar á lotaría do play off.

Comentarios