Paciência amaga con demitir mentres se producen cargas policiais a carón de Riazor

Domingos Paciência puxo o seu cargo a disposición de Lendoiro ao termo do Depor-Granada (0-3). A xeira do portugués ao fronte da equipa deíxao aos pés dos cabalos. 1 vitoria, 1 empate, 4 derrotas. O treinador luso amaga con demitir mentres se rexistan cargas policiais na contorna de Riazor.

Paciência interpreta que non ten argumentos futbolísticos para saír do foxo e non quer comprometer o seu crédito profisional nun tramo final da liga que se albisca agónico para o Deportivo.

O técnico luso non perdeu tempo. Aínda non remataran de se duchar os seus futbolistas, e mentres ardían as rúas adxacentes ao estadio, con cargas policiais incluídas, cando Paciência pediu verse con Lendoiro nun despacho do estadio. Na reunión, que se está a realizar a estas horas da noite e na que tamén está a tomar parte o secretario técnico do clube, o ex treinador do Sporting Braga puxo o seu cargo a disposición do clube.

Nunha breve declaración ante a imprensa previa a esta reunión, Lendoiro demandou a unidade de todo o deportivismo. Esta noite, por vez primeira en dúas décadas, a maioría da torcida branco-azul pediu a berros a marcha, a demisión, do presidente.

Comentarios