Pablo Izard enfróntase ao campión portugués Marco Romeiro en Vigo

A cidade olívica recibe por vez primeira unha velada de kickboxing organizada polo campión estatal.
Pablo Izard, campión estatal (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pablo Izard, campión estatal (Foto: Nós Diario).

O kickboxing chega até Vigo este sábado co seu actual campión estatal Pablo Izard. Será nunha gala no Pavillón do Frontón das Travesas (18.30 horas) que reunirá a doce deportistas que adestra o propio Izard. O vigués rematará a velada cun combate que o enfrontará ao actual campión de Portugal, Marco Romeiro.  

Será a primeira vez que este deporte aterre na cidade e faino da man de Izard que exerce, ademais de deportista, de adestrador e organizador.

Da súa escola estarán esta fin de semana rapaces das parroquias viguesas de Teis e Lavadores como Manuel Amorín, Xoán Villanueva, Xabi Agras, Nico Touza e Adrián Barros.

Na presentación, realizada onte nas instalacións da Casa do Concello de Vigo, Izard recoñeceu que estaba "ilusionado de facer este evento na miña cidade, despois de dez anos combatendo".

Ademais, puxo en valor traer ao ring en público “rapaces de aquí que están traballando moito e que darán un bo espectáculo”. 

Alén diso, o cinco veces campión estatal, catro como amador e unha como profesional, salientou a importancia dun deporte “que é olímpico e poderiamos ver nos Xogos de Los Ángeles en 2028”. 

Do boxeo ao kickboxing

Sobre o seu “outro deporte”, o boxeo, Izard recoñeceu que o tiña algo abandonado. “A xente afeccionada ao boxeo que coñece o kickboxing gústalle máis, por ser máis chamativo e espectacular”, asegurou.

Izard gañou o título estatal o pasado mes de xullo, no pavillón Manuel González Soto de Chapela, en Redondela (comarca de Vigo), nun combate contra Kevin Bosah. Foi na modalidade K1, aínda que o púxil vigués tamén conta con vitorias nas outras modalidades deste deporte, como son a Lethwei e o Full Contact.  

Comentarios