Pablo Dapena: "A Covid-19 provocou que cada proba teña o nivel dun Mundial"

Por se o triatlón non fose de por si un dos deportes máis duros do mundo, a suspensión de probas a causa do coronavirus fixo que as que seguen no calendario tornen en auténticas xaulas de tiburóns nas que se reúne o mellor do mellor. Esta é a dura realidade de Pablo Dapena (Pontevedra, 1985), un galego na elite do triatlón.

-2020 foi un ano moi duro para vostede, onde se lle xuntou unha lesión de longa duración con todas as incomodidades e problemas causados pola pandemia. Agora estamos en 2021 e, como se adoita dicir, "ano novo, vida nova"?

Esperemos! (ri). Levaba desde decembro de 2019 sen competir e facelo en Miami foi unha boa nova, a pesar de que non saíu como esperaba.

-Tal e como apunta, ese anhelado regreso materializouse o pasado mes de marzo na prestixiosa Challenge de Miami, que finalizou en décimo segunda posición e que levou un home que na previa xa apuntaba como un dos grandes favoritos, Jan Frodeno. Está insatisfeito co resultado? E, independentemente do que indica a clasificación, coas súas sensacións despois de tanto tempo sen competir?

En condicións normais sempre acostumaba a facer unha ou dúas probas introdutorias antes dunha competición importante, porque normalmente cústame moito coller o ritmo, así que imaxina despois de ano e pico parado. Entón, este ano, sen ningún tipo de carreira popular para prepararme, como o 10.000 de Porriño, o Vigo-Baiona ou algún duatlón, cheguei a Miami preocupado por non estar ben e, efectivamente, a cousa non saíu como quería, pois quedei en décimo segunda posición, aínda que era unha proba de moitísimo nivel.

Pero o peor foron as sensacións, sentinme fóra de carreira en todo momento, incapaz de loitar coa xente de arriba. Así que agora toca centrarse no meu próximo reto, que é o Challenge de Gran Canaria e que poderei preparar mellor, pois antes teño o duatlón de Poio, que é unha proba moi dura porque consiste en ‘correr-bici-correr’ nunhas distancias de 5, 20 e 2,5 quilómetros a máxima intensidade durante todo o tempo. Entón, para espertar e quitar a carbonilla, como se adoita dicir, vaime vir moi ben.

-Tan oxidado se sentiu na proba de Miami?

Un pouco aplatanado, quizais, sentinme fóra de xogo, pois tiña en mente unhas cousas que non era quen de plasmar na carreira. De todos os modos, a primeira proba da tempada para min sempre foi complicada, son un pouco como un motor diesel, ou como un ciclista, vou entrando na competición a medida que vou competindo, pero no deporte do triatlón tes que estar xa perfecto desde a primeira carreira. 

-Ademais da cancelación de moitas probas nas que anteriormente se preparaba para as grandes carreiras, en que outros aspectos lle está a afectar a irrupción da Covid-19 desde hai xa máis dun ano?

No tema dos adestramentos por sorte xa non, pero nos primeiros meses da pandemia tiven moitos problemas. Agora o maior problema son as pequenas cousas. Por exemplo, para chegar a Miami tiven que cambiar cinco veces de avión, porque mudan os itinerarios cada dous por tres. Entrar nos Estados Unidos é unha barbaridade, porque xa non deixan entrar así como así no país. Os deportistas pasamos unha corentena de sete días, escoba no nariz a cada momento... acabas "até os narices", nunca mellor dito (ri).

Ademais, estou notando outra cousa que parece que nos pode afectar moito, como é a conxestión de competidores nas probas. Como se cancelaron tantas, todo o mundo se agrupa nunha mesma competición, e entón challenges que antes eran de relevancia media, agora teñen o nivel dun Mundial, así que imaxina como se traduce todo isto no tema dos premios económicos... pero é a situación que hai e só queda traballar para estar o nivel dos mellores.

-Desde fóra, moitos preguntámonos como se consegue adestrar ao mesmo tempo para axuntar nunha soa disciplina tres modalidades deportivas aparentemente tan distintas como son a natación, o ciclismo e o 'running'... Desde a súa perspectiva de deportista profesional, así como de licenciado en Ciencias do Deporte, como fan para logralo?

O triatlón non se pode ver como unha forma individual, no sentido de pensar que vas correr como un atleta, nadar como un nadador ou pedalear como un ciclista, porque é un imposíbel, tes que adaptarte de modo específico a cada deporte. Por exemplo, unha carreira de atletismo pode ser moi rápida e outra practicamente parada e xogarse nos últimos 200 metros.

Que dicir das variedades que pode ofrecer unha proba ciclista...pero o triatlón o que ten é que desde a saída até o final ti vas o máis rápido posíbel en todo momento. Entón, tes que traballar a natación non desde unha perspectiva da disciplina, senón para conseguir chegar primeiro á primeira boia para non quedar embutido na maraña de xente, o que te lastrará o resto da competición. Por  suposto, todo depende do tempo que dispoñas para poder adestrar. Eu son un deportista profesional, pero a xente que empeza ou que o fai por divertirse debe saber adaptarse para atopar a súa mellor versión.

-O certo é que non parece dos deportes máis accesíbeis para practicar de modo amateur...?

Non, e ademais o gasto é a hostia (ri). En bicicletas, zapatillas de carbono, con cámara de aire... gastas diñeiro en todo.

Comentarios