O Ourense golpea primeiro na final galega de baloncesto

O conxunto ourensán venceu con autoridade ao Breogán no primeiro partido cara o ascenso á ACB (83-52). Este domingo, segundo encontro da serie ao mellor de cinco no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.

Ourense Baloncesto


O Club Ourense Baloncesto (COB) impúxose no primeiro encontro da final galega de ascenso á ACB. O conxunto ourensán foi superior ao Club Baloncesto Breogán desde o inicio e conseguiu unha ampla vitoria (83-52) no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense. A intensidade defensiva do COB abriu pronto unha fenda no marcador, que foi crecendo ao longo do encontro.

Chase Bernard Fieler e Marcos Suka-Umu foron os xogadores máis destacados. Fieler foi o máximo anotador do partido con dobres figuras: 16 puntos, 10 rebotes e un 70% de acerto en tiros de campo. Notable actuación tamén de Suka-Umu, que aportou 13 tantos, cinco rexeites e cinco asistencias. Por parte do Breogán, Osvaldas Matulionis, con 13 puntos, e López Alcañiz, con dez, foron os máis acertados do equipo lucense, que non tivo o seu mellor día. 

Desde o parcial inicial de oito puntos, o Ourense tivo un encontro cómodo, con tiros fáciles e defensas sólidas. Chegou ao descanso con 20 puntos de vantaxe. No terceiro cuarto tratou o Breogán de remontar e reduciuna a 13 tantos. Pero o COB volveu a mostrar a súa capacidade ofensiva e deixou o parcial en 62-37 antes do último cuarto, que mantería sen problemas até o final.

Este domingo, ás 19 horas, disputarán o segundo encontro da serie eliminatoria a cinco partidos no Pazo dos Deportes de Ourense. 

Comentarios