O Ourense forza a final das finais contra o Breogán

O equipo ourensán levantou un partido moi igualado (69-73) para chegar ao quinto e definitivo encontro polo ascenso a ACB, que se desputará este martes 2 de xuño.

Seareiros e seareiras de Ourense e Breogán (Foto: COB)
photo_camera Seareiras de COB e Breogán (Foto: COB)


O ambiente do Pazo Provincial dos Deportes de Lugo, cheo a rebentar, auguraba un partido intenso e así foi. Ambos equipos chegaban ao cuarto encontro da eliminatoria de ascenso á ACB conscientes de que, tras moitos encontros, este podía ser a derradeiro. Pero haberá quinto e definitivo. O Ourense levantou un partido moi igualado e forzou a final das finais na súa cancha, este martes 2 de xuño.

Empezou o encontro cun ritmo frenético. O primeiro cuarto foi un intercambio de golpes entre os equipo galegos, continuo durante o partido. O acerto dos minutos iniciais mudou nunha sucesión de erros e imprecisións na que os locais conseguiron unha mínima vantaxe (18-16). 

O segundo cuarto arrancou cun novo toma e daca de máxima igualdade. O Ourense tomou a dianteira grazas a unha defensa en zona, que trabou o ataque lucense, e abriu unha diferenza de seis puntos. Mais o Breogán volveu imprimir velocidade ao encontro e deulle a volta ao marcador (38-37).

A igualdade, máxima até o final

Tras o descanso ambos equipos acusaron os nervios e de novo os lucenses aproveitaron o descontrol. Un intercambio de triplos a partires do minuto cinco rebaixou a vantaxe de oito puntos dos locais. O Ourense remou e achegouse de novo no taboleiro (56-54).

 A falta de dez minutos, todo apuntaba a un final agónico. O acerto exterior dos lucenses abriu unha vantaxe de seis puntos que achegaba a ACB. Pero loitaron os ourensáns para forzar o quinto e definitivo encontro e decantaron un encontro igualado até o último minuto. (69-73)

J.1: Ourense Baloncesto vs Ribeira Sacra Breogán (83-52 / 1-0)
J.2: Ourense Baloncesto vs Ribeira Sacra Breogán (68-77 / 1-1)
J.3: Ribeira Sacra Breogán vs Ourense Baloncesto (81-73 / 2-1)
J.4 : Ribeira Saca Breogán vs Ourense Baloncesto (69-73 / 2-2)
J.5: Ourense Baloncesto vs Ribeira Sacra Breogán (Martes 2)

Comentarios