Ourense, capital do fútbol sala feminino

A cidade conta nesta temporada con dúas equipas na división de honra, Ponte Ourense C.F. e Cidade das Burgas F.S., que achegan algunhas das mellores xogadoras da selección galega.
Ponte Ourense C.F.
photo_camera Ponte Ourense C.F.

Non contan para os grandes medios de comunicación de masas e os seus partidos non se televisan en directo con grandes audiencias. Cada fin de semana dan todo o que teñen e loitan por dignificaren un deporte feminino minorizado. Aínda así, no fútbol sala Ponte Ourense C.F. e Cidade das Burgas F.S. seguen coa colleita de éxitos nas canchas.

A Ponte Ourense C.F.-S.A.D naceu en 1977 e desde hai seis anos conta cunha sección de Fútbol Sala Feminino. A súa progresión foi constante. O primeiro
ano campioa invicta da liga e da copa deputación e o segundo campioa galega con ascenso de categoría. Organizou a XVI copa da raíña fútbol sala feminino na temporada 2009/2010, e un ano despois proclamouse campioa da liga dúas xornadas antes do seu remate e clasificouse para disputar, por cuarto ano consecutivo, a copa da raíña. Acada tamén a copa ibérica gañando ao FCV F.C. Vermoim portugués e ao Móstoles F.S. Ese mesmo ano leva tamén a copa Xunta e é nomeada “mellor club de Galiza”.

A Cidade das Burgas F.S. nace en setembro de 2007 despois de que, por iniciativa de nais e pais, procurasen “dignidade” para o deporte das súas fillas. O primeiro ano quedaron segundas na liga e achegaron catro xogadoras á selección galega que ese ano quedou campioa. En 2011 quedaron campioas
da copa deputación e na pasada temporada subcampioas da copa Xunta.

“Antes case pagabamos por xogar, eran pais e nais @s que achegaban os carros para o transporte, as empanadas para o xantar... Agora os clubs apoian e os orzamentos en fútbol sala son maiores”

Enátali Fernández, delegada e coordinadora da equipa de fútbol sala feminina Ponte Ourense C.F., deixou hai seis anos as pistas como xogadora despois de vinte anos en activo. Conta que este deporte, en Ourense evolucionou moito. “Antes case pagabamos por xogar, eran pais e nais @s que achegaban os carros para o transporte, as empanadas para o xantar... Agora os clubs apoian e os orzamentos en fútbol sala son maiores”. É a mesma análise que fai Sonia, xogadora en activo de Cidade das Burgas F.S. “Cando comecei tiña nove anos e había só unha equipa na cidade, adestrabamos nunha cancha no exterior mesmo cando chovía”.

A parte negativa, en que coinciden ambas as dúas, é na falta de apoio dos medios de comunicación e de difusión. De seren profesionais mellor non falar. “Aínda que sexas moi boa é raro que podas vivir disto”, di Enátali, “todas traballan ou estudan”. Sonia asegura que hai unha mínima posibilidade “mentres estás en competición, logo xa non”. Esforzos como o de "viaxar a un partido saíndo de Ourense ás 4 da tarde e chegando a Catalunya ás 6 da mañá para xogar e regresar ese mesmo día" pagan a pena "pola experiencia de competir e coñecer compañeiras excelentes".

Para esta temporada dous desexos: o de Enátali de "quedar entre as 8 primeiras" e o de Sonia "coa permanencia outro ano máis".

Comentarios