Ourense Baloncesto, Básquet Coruña e Breogán xa teñen calendario na LEB Ouro

As tres escuadras galegas xogarán o seu primeiro partido fóra da casa
Os conxuntos galegos aspiran ao máximo nesta nova tempada. (Foto: COB).
photo_camera Os conxuntos galegos aspiran ao máximo nesta nova tempada. (Foto: COB).

Os tres equipos galegos da LEB Ouro xa contan con calendario para a tempada 2020/21. Nunha campaña condicionada polo novo formato de competición, o sorteo levado a cabo durante a xornada de onte nas dependencias da Federación de Baloncesto en Madrid deparou que Básquet Coruña, Club Ourense Baloncesto e Breogán de Lugo debuten fóra da casa o vindeiro día 16 de outubro ante Universidade de Burgos, Real Valladolid e Liberbank Oviedo, respectivamente.

Os rivais das escuadras galegas neste grupo A serán -ademais dos devanditos Burgos, Valladolid e Oviedo- Melilla Sport Capital, Cáceres Patrimonio da Humanidade e Destino Palencia.

O primeiro derbi galego decorrerá na terceira xornada, prevista para o 30 de outubro, cando se enfronten Leyma Coruña e Leite Río Bregoán no Pazo dos Deportes de Riazor. Tres semanas máis tarde, na sexta xornada, serán Ibereólica Ourense e Leyma Coruña os que compitan no segundo choque entre galegos da tempada.

Cambios... pero non moitos

A renovada Leb Ouro presenta cambios moi importantes, que van desde os equipos participantes ao formato de competición. Así, con respecto ao ano pasado desaparecen o Gipuzkoa Basket -que ascendeu á Liga ACB- e entran Real Murcia, Tizona de Burgos e Bàsquet Girona -propiedade do xogador catalán da NBA Marc Gasol- logo dos seus ascensos desde a LEB prata. 

Por outra banda, a liga estará dividida desde esta tempada en dous grupos (A e B) nos que se distribúen os 19 conxuntos que militan na categoría. Logo da conclusión das 18 xornadas que conforman esta primeira fase -o vindeiro 5 de marzo-, os cinco primeiros clasificados de cada conferencia competirán polo ascenso, e os cinco últimos por non descender.

Tanto os play-off de ascenso como os de descenso terán lugar entre o 21 de maio e o 19 de xuño, sendo unicamente un equipo o que consiga a meta do ascenso á Liga ACB.

Porén, conquistar a praza sobre a pista non quere dicir nada, pois  -como acontece cada verán desde hai anos- os clubes que integran a Liga ACB votarán en contra dos ascensos ou ben os equipos que se gañan deportivamente o dereito de competir na máxima categoría renunciarán pola falta de músculo financieiro para asumir o famoso "canon de entrada" na ACB. 

Esta anómala situación permitiu que, por exemplo, o histórico Estudiantes de Madrid se salvase de perder a categoría até tres veces nos últimos oito anos.

Comentarios