Óscar Losada: “Son un apaixonado polo baloncesto”

Xornalista e escritor especializado en cine, música e deportes, comeza agora una novo proxecto como editor e director da revista Zona Press. O baloncesto galego está de noraboa, xa ten o seu medio de comunicación propio e na nosa lingua.
Óscar Losada
photo_camera Óscar Losada

O nome de Zona Press é por...?
A zona defensiva que se emprega nas tácticas de baloncesto. Consiste en facer presión cando o partido vai mal e hai que roubar o balón. Ademais xoguei co “press” que é “prensa” en inglés.

Que relación ten con este deporte para comezar un proxecto destas características?
Ademais de pola información deportiva, son un apaixonado polo baloncesto. É o meu deporte. Non por estatura mais si por estar no meu corazón. Agora coincide cun bo momento do Obradoiro, cunha masa social grande e que conseguiu moitos cartos para estar na ACB. E tamén que xunto ao C.B. Breogán incorpóranse C.O.B. Ourense e o U.D.C. Basquet Coruña, co cal temos tres equipos no segundo chanzo competitivo a nivel estatal.

O único que sinto é que no baloncesto feminino o Celta, despois de gañar na pista estar na máxima categoría, perdese a posibilidade por unha xestión horrorosa do concello de Vigo. O goberno municipal foi incapaz de pagar a tempo a débeda que tiña co Celta. E non era unha subvención senón que era unha débeda! Ao final o Celta non tivo cartos para pagar á Federación o canon para estar onde debía estar por tradición histórica e no xogo. 

Creo que estaba nun momento que necesitaba un proxecto un pouco grande, exercer de editor e director.

Neste proxecto entrarán as moitas equipas galegas que temos. Ofreceremos entrevistas de actualidade, por exemplo con xogadores e xogadoras que destaquen nas competicións. A partir do nº 3 haberá unha sección da liga feminina. Teremos reportaxes atemporais onde descubriremos moitos aspectos descoñecidos para a xente. Neste primeiro número contamos a historia de “O baloncestista que puido ser presidente”. Bill Bradley xogou nos New York Knicks, chegou a xogar no Milán italiano e foi campión de Europa. Disputara a candidatura demócrata a Al Gore e perdeu por pouco. Foi senador e agora apoiou a Obama. Temos outra sección que é “Amos de xogo”, personaxes moi relevantes. Neste caso contamos cunha fotografía dun noviño Fidel Castro como xogador. A idea é descubrir a xente moi popular e carismática do século XX e XXI. O propio Castro xogou nunha liga cubana, imaxino coa sorpresa da equipa rival!

Nesta sección haberá galegas e galegos supoño...
Van saír. Temos por exemplo o caso da presentadora Silvia Jato ten a toda a familia relacionada co baloncesto. Son adestradores e ela xogou polo que aparecerá na revista. Seguro que no xantar falarían deste deporte e sendo de Lugo do Breogán!

Que representa este proxecto na túa longa traxectoria como xornalista?
Ao último fillo sempre se lle quere moito. Creo que estaba nun momento que necesitaba un proxecto un pouco grande, exercer de editor e director. É algo que ten os seus riscos mais coido na vida hai que dar pasos adiante. Non sei o que vai a representar no futuro. Eu tamén editei unha revista musical, Cartafol, sen periodicidade. Quedou en seis números. Oxalá agora non suceda así. Se se consolida será algo importante para min e a miña carreira. É un reto fermosos e moi bonito. Necesitaba dar ese paso e ofrecerlle algo ao público que coido será do seu interese. Facendo algo máis que unha publicación típica, sacando á luz cousas agochadas. Atentas as mulleres ao número dous porque sacaremos algo importante do baloncesto feminino, algo que deberían reivindicar.

Como foi a resposta por parte das equipas de baloncesto?
Tivemos unha primeira toma de contacto máis aínda falta. Estivemos en Lugo e na Coruña. Para as equipas é outra plataforma publicitaria importante. A todo o mundo lle gusta que falen dos seus clubs. A xente do baloncesto acolleu moi ben a revista. Hai unhas 9.000 persoas socias de clubs e logo están as categorías inferiores.

Comentarios