Óscar Cano asegura que está "tranquilo" pola súa continuidade

O Dépor agarda retomar o camiño este sábado ante o Fuenlabrada.
Óscar Cano na rolda de prensa de onte (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Óscar Cano na rolda de prensa desta quinta feira. (Foto: RC Deportivo)

Cuestionar un adestrador sempre é unha situación complicada para un equipo. O Dépor vive agora mesmo ese momento tras a última derrota e a dificultade de poder loitar polo ascenso de categoría. Coa ollada posta no seguinte encontro do sábado co Fuenlabrada en Riazor (18 horas), o adestrador do conxunto herculino, Óscar Cano, compareceu en rolda de prensa.

O técnico andaluz asegura estar moi “tranquilo” ante as dúbidas que xorden sobre a súa continuidade no club e sinala que “coa idade, cada vez aféctache menos” para engadir que “nesta profesión estar cuestionado é o habitual”.

O adestrador do Dépor cre que “temos a exixencia de gañar cada xornada”, unha situación que cobra outra dimensión “polo club que somos”. Defende que o conxunto “sen variábeis tamén fomos competitivos en casa”.

Sobre a situación actual, argumenta que “as derrotas teñen os seus procesos. Hai que pasar os primeiros días de duelo” mais “o fútbol dános outra oportunidade. Hai que atender ao que queda por diante”.

Xogar fóra de Riazor

Outro dos temas que tratou Cano foi o dos malos resultados fóra de Riazor. “Non se que incidencia podería ter a axuda externa para traballar o que sucede fóra de casa. Non tivemos moita fortuna, veunos todo en contra”, asegurou Cano, “só temos que insistir”, engade.

Relacionado con isto, xustifica a derrota da xornada pasada contra Unionistas por xogar “demasiados minutos en inferioridade numérica como visitantes”.

O adestrador do Dépor sinala que non quere “que soe escusa, mais xogamos demasiados minutos en inferioridade numérica como visitantes. Non é fácil gañar partidos así”.

En relación ao rival deste sábado, afirma que “o Fuenlabrada é capaz de xogar se lle deixas. Se pensamos que vén só a polo xogo directo, equivocarémonos, mais é certo que teñen gran xogo aéreo”. Cano defensa, neste caso, que “a mellor maneira de desactivar ese tipo de fútbol é tendo a pelota”.

Comentarios