Osasuna quere rebentar a "festa" de Carlos Carvalhal

Debuta o novo técnico do Celta, que promete facer de Balaídos "un lugar de pracer"
A escuadra viguesa competirá no seu derradeiro compromiso na casa até o próximo 31 de decembro. (Foto: UEFA).
photo_camera A escuadra viguesa competirá no seu derradeiro compromiso na casa até o próximo 31 de decembro. (Foto: UEFA).

Até que punto son certos os tópicos? O fútbol está inzado deles, e un dos máis populares é o de "a adestrador novo, vitoria segura", pero nada máis lonxe da realidade. Unha análise matemática dos máis de 1.500 debuts dun técnico na Primeira División revela que a porcentaxe de triunfos apenas supera 35%.

Por iso ninguén debe pensar que a estrea do técnico Carlos Carvalhal este sábado ante Osasuna (18.30 horas) vai ser un paseo militar comandado polo novo capitán do exército celeste, a pesar das súas promesas de converter Balaídos "nun sitio de festa". 

Resulta case un exercicio de alquimia tratar de adiviñar tanto o once como a táctica pola que optará Carlos Carvalhal

"Camiñando xuntos nós [o corpo técnico], xogadores e afección, con toda seguridade conseguiremos cousas importantes, facendo de Balaídos un lugar de pracer, de festa, un lugar no que queremos gozar dunhas vitorias que non podemos prometer, aínda que si garantimos que imos pelexar en todos os partidos".

O primeiro convidado á algueirada que quere montar no coliseo celeste o preparador luso é o sorprendente Osasuna de Pamplona. Sétimo clasificado a un punto dos postos europeos, chega a Vigo tras completar un gran encontro ante o Valladolid, unha actuación que o seu adestrador, Jagoba Arrasate, agarda poder "repetir" na cidade olívica. 

Resulta case un exercicio de alquimia tratar de adiviñar tanto o once como a táctica pola que optará Carlos Carvalhal para tratar de impedilo, mais unha das principais opcións é que opte por un 5-3-2 para tratar de parar a hemorraxia defensiva celeste, con Marchesín na portería; Javi Galán, Aidoo, Unai Núñez, Mingueza e Kevin na defensa; Renato Tapia, Fran Beltrán e Óscar Rodríguez no centro do campo; e unha dupla atacante formada polo xigante noruegués Strand Larsen e Iago Aspas.

Comentarios