O deporte virtual viralízase en Ourense na ICC eSports

O evento confirma o peso crecente dun fenómeno en expansión
Fútbol, condución... son moitas as disciplinas 'tradicionais' que cada vez contan con máis practicantes no seu equivalente virtual. (Foto: ICC Week).
photo_camera Fútbol, condución... son moitas as disciplinas 'tradicionais' que cada vez contan con máis practicantes no seu equivalente virtual. (Foto: ICC Week).

A ICC eSports converterá o pavillón do colexio Mestre Vide de Ourense desde mañá e até o domingo 23 de abril no epicentro dos deportes electrónicos, un evento que se desenvolve no marco da Semana das Industrias Culturais e Creativas Ourense ICC Week.

Dixo unha vez o astro inglés  dos 80 Gary Lineker que "o fútbol é un xogo simple que inventaron os ingleses e no que xogan 11 contra 11 e sempre gaña Alemaña". 

O tempo acabou por desmentir ese axioma... na vida real. Porque no mundo virtual a Mannschaft pode seguir arrasando, tan só depende do talento de quen sosteña o controlador da videoconsola.

Porque o fútbol virtual hai moito que deixou de ser un pasatempo "de nicho" para converterse nun fenómeno que se reivindica en eventos multitudinarios como a ICC eSports, un evento que chega á súa novena edición e, como destacan desde a organización, "volve apostar polos eSports combinando a competición e exhibición dos novos talentos de todo o Estado cos torneos abertos a todas as asistentes e o xogo libre en diferentes plataformas".

Vida alén do 'FIFA'

Se ben o fútbol, como acontece fóra das pantallas, é o rei, hai moita vida alén do FIFA, pois ademais de no principal simulador do deporte rei tamén se levarán a cabo competicións dos extremadamente populares Clash Royale e Mario Kart.

A maiores, a ICC eSports congregará "os mellores novos talentos de SimRacing, que competirán o sábado 22 de abril na Copa de Novos Talentos. Na mesma, que se disputará a tres mangas ao longo do día, estarán Abel Torres, Diego Fernández, Samuel Moreno, Antonio Santos, Mario Peregrin, Álvaro Gutiérrez, Jaime Caballero e Miquel Pardo.

Todas as actividades serán completamente gratuítas, variando os horarios de apertura ao público xeral segundo o día: sexta feira 21 de abril (de 17 a 20.30 horas), sábado 22 (de 10.30 a 14 e de 16 a 21 horas) e domingo 23 de abril (de 11 a 14 horas). As inscricións aos torneos serán antes do comezo dos mesmos no propio pavillón ata completar o límite de prazas.

O Celta xogará a fase final da 'eLiga'

O peso dos eSports é tal que os principais equipos de fútbol xa contan coa súa propia división de deportes electrónicos.

Este movemento está impulsado por un consumo en constante aumento, en especial desde a pandemia da Covid-19, como reflicte un estudio elaborado pola multinacional Deloitte que reflicte que no Estado español os e as mozas entre 18 e 30 anos consumen de media dúas horas e 45 minutos de contido á semana.

Levando o foco ao territorio galego, o informe revela que é o quinto territorio con máis seguimento dos eSports, só por detrás de Catalunya, Madrid, Andalucía e o País Valenciano.

Ante este escenario, a Liga de Fútbol Profesional non perdeu a oportunidade de desenvolver unha competición que denominou como a eLiga na que os conxuntos que integran o seu torneo enfróntanse entre eles empregando o videoxogo FIFA 23.

O único representante da Galiza na fase final do torneo será o Celta, que logrou onte o seu pase á rolda decisiva da man do xogador profesional Jra10 logo dun sufrido 2-2 co Levante.

Comentarios