A FIFA reduce os dereitos humanos a "batallas ideolóxicas e políticas" a evitar no Mundial de Qatar

Bale, da selección galesa, co brazalete que queren portar oito seleccións europeas no Mundial de Qatar. (Foto: Europa Press).
photo_camera Bale, da selección galesa, co brazalete que queren portar oito seleccións europeas no Mundial de Qatar. (Foto: Europa Press).

O Mundial de fútbol que comezará en Qatar o próximo 20 de novembro é un negocio xigantesco que entre ingresos directos e indirectos moverá arredor  de 10.000 millóns de euros, segundo previsións da propia FIFA. Unha cifra demasiado importante para ser posta en risco.

Por iso, o presidente do organismo reitor do fútbol, Gianni Infantino, enviou unha carta aos 32 participantes na Copa do Mundo pedíndolles que se centren no torneo e "non permitan que o fútbol se vexa arrastrado a todas as batallas ideolóxicas ou políticas que existen".

A carta -que foi obtida pola emisora británica Sky News e confirmada na súa oficialidade pola Federación Alemá de Fútbol- indica que "todos serán benvidos en Catar independentemente da súa orixe, antecedentes, relixión, xénero, orientación sexual ou nacionalidade", e pediu aos equipos que deixen "que o fútbol ocupe un lugar central".

Sky asegurou que a carta non aborda a solicitude de oito países europeos de que os seus capitáns poidan usar brazaletes multicores coa mensaxe One Love no Mundial como resposta ás súas preocupacións sobre as leis anti-LGBTQ+ de Qatar.

O emirato foi amplamente criticado pola súa postura no referente aos dereitos sexuais, pero tamén polo seu trato cara aos traballadores estranxeiros involucrados na construción dos estadios do Mundial e por outras presuntas violacións dos dereitos humanos.

Tras coñecerse a existencia da carta, Amnistía Internacional (AI) lamentou a resposta que ofrece a FIFA aos problemas que rodean o país asiático: "Se Gianni Infantino quere que o mundo se 'centre no fútbol', hai unha solución simple, a FIFA podería comezar a abordar os graves problemas de dereitos humanos en lugar de escondelos debaixo da alfombra".

Comentarios