Orde e talento, chaves da vitoria do Dépor no Benito Villamarín

Sen facer un grande partido, o Dépor si cumpriu cos dous mandamentos de Arsenio Iglesias para se facer coa vitoria a domicilio face o Betis. Tivo orde e tivo talento.

Betis-Deportivo
photo_camera Foto: LFP-CanalDeportivo.Com


O Deportivo está intratábel fóra da casa no que vai de campionato. Tres xogos lonxe de Riazos, dúas victorias (Vallecas e a desta quinta feira no Benito Villamarín) e un empate (Valencia).

As chaves da solvencia do combo de Víctor como visitante teñen a ver coa disposición da equipa sobre o terreno de xogo, a forma en que ocupan metros cadrados do relvado. Unha presión moi intensa en campo contrario (nos últimos minutos e co 1-2 xa no marcador, até 6 ou 7 branquiazuis disputaban a pelota perto do marco de Adán) e a acumulación de homes na medular, unha primeira liña de defensa que en moi poucas ocasións puido furar o Betis.

O Dépor interpretou a perfección o 4-5-1 que tracexou na pizarra Víctor. O treinador surprendeu deixando no banco a Lucas e colocando na media Juan Domínguez. Jonathan Rodríguez, no papel de dianteiro contra o mundo, estivo combativo, non tivo opcións apenas de chutar, mais fixou os centrais rivais e foi o primeiro defensa a superar da equipa coruñesa.

Polo lado do talento, a irrupción de Fede Cartabia. Ollo a este rapaz. Atesoura condicións de futbolista dez

Iso polo lado da orde. Polo lado do talento, a irrupción de Fede Cartabia. Ollo a este rapaz. Atesoura condicións de futbolista dez. Un zurdo exquisito con enorme capacidade de desborde. Só ten que controlar algo certa tendencia á aceleración. Mais Fede Cartabia dálle á equipa un plus que non tiña. Enxeño. Criatividade. Ese don de facer aparecer algo onde ninguén sospeitaba que puidese haber nada. O seu gol, armando a perna en centímetros cadrados, e batendo desde lonxe a un abraiado Adán, é unha desas accións que de levaren o cuño de Messi ou Ronaldo serían repetidas ad nauseam nos telexornais deportivos do planeta.

Orde e talento levan ao Deportivo a sumar 8 pontos en 5 xornadas e a se colocar na sétima praza da clasificación. Un moi bon comezo de campionato para unha equipa que a tempada pasada se salvou de milagre após totalizar 35 pontos en 38 xogos.


Betis: Adán, Piccini, Bruno, Westermann, Vargas, Joaquín, Xavi Torres (Rennella, min. 74), Petros, Van der Vaart (Dani Ceballos, min. 48), Rubén Castro e Jorge Molina (Van Wolfswinkel, min. 59).
 
RC Deportivo: Lux, Laure, Arribas, Sidnei, Navarro, Mosquera, Juan Domínguez (Borges, min. 59), Fede Cartabia (Juanfran, min. 66), Fayçal, Luisinho e Jonathan Rodríguez (Lucas, min. 63).
 
Goles: 0-1 Fede Cartabia (min. 54); 1-1 Petros (min. 58); 1-2 Fayçal (min.71).
 
Árbitro: Gil Manzano (C. Estremeño). Amonestou Joaquín (min. 26), Piccini (min. 42), Jonathan Rodríguez (min. 44), Navarro (min. 75), Lux (min. 78), Laure (min. 81), Westermann (min. 85) e Luisinho (min. 93).
 
Campo: Benito Villamarín, 37.051 persoas nas bancadas.

Comentarios