Orbelín Pineda ficha polo Celta e o galego Remeseiro asina co Alavés

O mercado de fichaxes futbolístico abre con forza
Orbelín Pineda é un dos xogadores máis prometedores de México (Foto: Nós Diario).
photo_camera Orbelín Pineda é un dos xogadores máis prometedores de México (Foto: Nós Diario).

Ás 00 horas da xornada desta segunda feira quedou oficialmente aberto un mercado de fichaxes futbolístico que trouxo consigo nos seus instantes iniciais varios movementos con selo galego

O máis destacado é a oficialización -curiosamente por parte do xogador, non así do club- da chegada a Vigo do mexicano Orbelín Pineda para reforzar as filas do Celta.

Ou non, porque a pesar da súa ilusión por debutar no fútbol europeo a súa condición de extracomunitario impide a súa inscrición na Liga polo menos até que Franco Cervi, Renato Tapia ou Thiago Galhardo consigan facerse cun pasaporte da Unión Europea.

A maiores, outro obstáculo que terá que superar este futbolista de 25 anos de idade que se desenvolve na posición de mediocentro creativo e que está considerado como un dos maiores talentos do fútbol mexicano -até o punto de que alí recibiu o alcume do 'Maguiño'- é que non foi unha petición expresa do técnico celeste, Eduardo 'Chacho' Coudet, que deixou claro en repetidas ocasións que a súa absoluta prioridade é a incorporación dun home que poida acompañar ou competir por un posto na liña de ataque con Aspas e Mina.

Remeseiro reforza un Alavés en plena mutación

O Deportivo Alavés da Primeira División vén de cambiar de adestrador hai apenas unha semana -optando por Mendilibar en lugar de Calleja-, primeiro paso dunha revolución co obxectivo de salvar a categoría á que agora se une o galego Jason Remeseiro.

O coruñés chega do Valencia para reforzar as bandas vitorianas e permanecerá alí como mínimo até o ano 2025.

Outro canteirán do Deportivo, Jorge Valín, tamén probará sorte fóra da Galiza, no seu caso no Cornellá, onde tratará de reivindicarse logo de non disputar nin un minuto como branquiazul na presente tempada.

Comentarios