Hemeroteca

#onosoderbi: historias e invencións sobre a orixe dos alcumes de 'turcos' e 'portugueses'

Despectivamente e con ánimo insultante, seccións das afeccións de Dépor e Celta descualifican tradicionalmente os rivais alcumándoos de 'portugueses' (deportivistas a celtistas) ou 'turcos' (celtistas a deportivistas). De ónde vén? E xa postos, por que o nome de Dépor e Celta?

riazor bandeira turca

'Turcos' ou 'portugueses'. Empregar a referencia a outros países con ánimo insultante contra o contrario non é algo exclusivo do fútbol nin de Galiza, vale. Mais #onosoderbi ten que apandar co seu. E o de 'portugueses' e 'turcos' xa está máis que 'normalizado' na referencia dunha afección a outra, para ben ou para mal, non limitándose aos sectores máis, por dicilo así, acérrimos. Mais, de ónde xorden estes calificativos?

Mentres sobre a cualificación aos celtistas como 'portugueses' non semella haber moita dúbida nos por qués, a cousa cambia cando é sobre por que se emprega 'turco' para os deportivistas

A cualificación de 'portugueses' non parece ter moito misterio. Un xentilicio que se quer usar como insulto despectivo por mor da cercanía de Vigo a Portugal, afastados por só 20 quilómetros, e afondando na visión existente en certas capas galegas de Portugal como algo 'inferior'. Un dos cánticos reiterados nos máis recalcitrantes deportivistas era aquel de “¿de qué nació el primer vigués? / de una puta y un portugués”.

'Vigo, capital Lisboa', o disco publicado en 1985 polos Resentidos e o 'Menos mal que nos queda Portugal”, de Siniestro Total en 1984, reflicte até certo punto a normalidade irónica con que en Vigo se asume a cercanía ao país luso. Mesmo un conxunto hardcoreta coruñés de principios de século, Meninhos da Rúa, tiña un retrouso nun dos seus temas que dicía “Galiza portuguesa / e nom hispano-irlandesa”. Nin que fosen de Coia.

Matrículas, autobuses e sotaques

Máis debate dá a orixe do termo 'turcos' para os seguidores do Dépor. Hai varias versións. Unha aponta a que se emprega o xentilicio como un simple insulto racista e despectivo, baseado no ascentral desprezo que hai na cultura ibérica contra os 'moros' ou 'árabes'. Outra hipótese que afirma que ten a orixe nas matrículas dos vehículos, que antiguamente levaban como primeira inicial a letra do nome da provincia. No caso da Coruña, o C, unha forma de media-lúa que levaría a definir os coruñeses como 'Turcos'. Nesta mesma liña, hai quen afirma que o de 'Turco' vén de que os afeccionados deportivistas viaxaban en autocarros da empresa 'TOURCORUÑA' a Vigo para ver os partidos. Abreviando, 'Tourco', e de aí, 'Turco'.

Hai mesmo quen liga o de que se chama 'turcos' aos da Coruña polos intelectuais liberais desa cidade fronte aos conservadores composteláns

bandeira portugal balaídos-Hala celta

Allos e bugallos

Mais non acaban aquí as elucubracións. Algunhas interpretacións mesmo aparecen recollidas en estudios, como o de 'La cancha de las identidades: periodismo deportivo y fúbol 'gallego', editado por Icaria editorial. Sinalan aquí que “[...] dentro do contexto de rivalidade, os seareiros do Celta denominan 'turcos' os seus homólogos do Dépor, para indicar que non son galegos”. Unha referencia que collía forza nunha década, os 80, onde nalgúns sectores da sociedade galega se vía A Coruña como unha cidade de costas ao resto do país por mor do extremo localismo do seu alcalde, Francisco Vázquez.

Esta opción é a salientada en diversos blogs de fútbol, como “Curiosidades del fútbol” ou “Compartiendo pasión”. En ambos dous dise que o de 'turcos' procede de, textualmente, “o pouco galeguismo dos habitantes da Coruña, do símil de que moitos turcos renegan de Asia querendo ser Europa, e os coruñeses preferían o castelán ao galego”. Ao tempo, nestas mesmas webs afírmase que o de 'portugués' aos de Vigo ten a orixe en “su proximidad con el país luso y un cierto acento gallego muy cerrado parecido al portugués”. Un simple vistazo que os autores desta hipótese desen á realidade desmintiría estas suposicións que manexan.

Attaturk

Mais nas redes abondan explicacións de todo tipo. Ollo a esta: “Nos ámbitos culturais galegos, os intelectuais composteláns evocan unha postura conservadora, mentres que os intelectuais coruñeses son máis liberais, por iso se identificaban ideolóxicamente cos “Mozos Turcos”, unha organización liberal e laica liderada por Mustafá Kemal Attaturk, pai da actual república turca. Recoñezo que esta tampouco ma creo, mais si que é máis orixinal.

Tamén hai outra teoría que apunta ao afundimento do Mar Exeo nas costas da Coruña, buque que levaba o nome do brazo do Mediterráneo que baña o litoral turco e que de aí viría o cualificativo. Mais este naufraxio foi en 1992 e a denominación de turcos aos deportivistas é anterior a ese ano.

En zonas da Arousa, aos deportivistas non se lle alcuma de 'turcos', senón de 'roubarisóns', nome que colleu a peña deportivista

O de 'turcos' non é o único calificativo que reciben os deportivistas. Na zona da Arousa, que é o verdadeiro fortín celtista, moito máis que Vigo; aos do Dépor díselles 'roubarisóns'. O que vén ser un “ladrón de risóns" (esas áncoras de 3 ou 4 brazos para pequenas embarcacións). A peña deportivista da Illa (si, haina!), toma ese nome.

E por qué lles puxeron Celta e Dépor?

O Deportivo da Coruña naceu o 2 de marzo de 1906 mais non sería até o 1912 que adoptaría o nome polo que é coñecido. Namentres, foi 'Club deportivo de la Sala Calvet', recibindo así o nome (Sala Calvet), do centro deportivo máis importante da Coruña, un ximnasio onde se practicaban múltiples especialidades, nomeadamente esgrima e que organizaba sonadas competicións de traiñeiras. Até 1909 a equipación do combinado coruñés era pantalón azul e camisa branca, sen franxa algunha. A partir dese ano, a camisola deportivista xa incluiría as raias verticais azuis.

O Deportivo naceu nun ximnasio coruñés especializado en esgrima. O Celta nun fervedoiro de asemblea na que sobre a mesa había nomes como Breogán ou Galicia para denominar o novo club

O Celta de Vigo realizou a súa asemblea fundacional o 18 de agosto de 1923, nacendo da fusión de dous clubs da cidade, o Vigo Sporting e o Real Fortuna. Á hora de elixir o nome para o novo equipo, os socios aclamaron a proposta de 'Celta', que se impuxo as outras proposicións a debate: Breogán, Atlantic, Unión, Galicia e Olímpico. O novo equipo comezou xogando cunha camisola de cor vermella, mais axiña, en 1924, decidiuse cambiar pola cor celeste e branca, procurando intencionadamente a simboloxía da bandeira galega.

“Os nosos máis sinceros e cordiais parabén polo brillante triunfo atinxido para o fúbol galego. Hurra polo Celta!” Así rezaba un telegrama da directiva do Deportivo da Coruña parabenizando os celestes polo ascenso

O día que a directiva deportivista berrou “Hurra polo Celta!”

Non sempre Dépor e Celta foron como o can e o gato. Unha mostra, o telegrama que a directiva do equipo coruñés remiteu aos seus homólogos celtistas cando ascenderon a Primeira divición a finais da década dos 30: “Os nosos máis sinceros e cordiais parabén polo brillante triunfo atinxido para o fúbol galego. Hurra polo Celta!”.

Comentarios