Inés Prado, primeira xadrecista en gañar o Galego absoluto

“Ogallá isto sirva para que deixe de verse como algo raro ou inimaxinábel para unha muller”

Inés Prado (Ferrol, 1997) é desde onte a primeira muller en gañar un Campionato Galego de Xadrez en categoría  absoluta.

Inés Prado xadrez2
photo_camera Inés Prado xadrez2

O torneo da xogadora do Club Xadrez Padrón Golfiño foi espectacular, tendo en conta, entre outras cousas, que no ranking inicial ocupaba a décimo terceira praza. A súa xesta é xa un capítulo na historia do deporte galego.

Que se sente ao ser a primeira muller en gañar o Campionato Galego absoluto de xadrez?

Sentinme xenial desde antes de saber que estaba no primeiro posto. Fixen boas partidas, fun subindo e gozando do torneo, sen preocuparme excesivamente. É unha satisfacción moi grande e ogallá o consigan moitas rapazas máis para que deixe de verse como algo raro ou inimaxinábel. E, por suposto, eu vouno seguir intentando coa esperanza de volvelo conseguir.

Como decorreu o torneo tendo en conta que no ranking inicial saías de décimo terceira?

A verdade é que estudaba polas mañás para a carreira (estou facendo Enxeñería Química na Universidade de Santiago), baixaba a comer e preparaba un pouco antes da ronda xa pola tarde. Ía partida a partida e intentaba non pensar na clasificación final.

O xadrez segue a ser un deporte maioritariamente masculino?

Si. De 75 participantes neste campionato, só eramos catro rapazas. E iso adoita ser a tónica habitual.

Canto tempo lle dedicas á semana?

Pouco. Xogo os sábados pola tarde a liga, mais nin tan sequera a preparo porque desde que comecei na universidade coas prácticas pola mañá e as clases pola tarde non teño tempo para moito máis. Eu empecei a xogar ao xadres aos 11 anos, que xa é un pouco tarde en comparación dos demais. 

Comentarios