O Obradoiro volve á Liga ACB fronte a un Tenerife que non se fía dos composteláns

Os de Moncho Fernández visitan mañá a cancha do segundo clasificado, que amosou gran respecto polo conxunto compostelán.
obradoiro_burgos
photo_camera Un momento do último partido ante o San Pablo Burgos no Sar (Foto: Obradoiro CAB)

O Obradoiro (11º na clasificación) regresa mañá á competición visitando a cancha do Iberostar Tenerife (2º) no partido correspondente á 13ª xornada da Liga ACB. Ao adestrador obradoirista, Moncho Fernández, non lle sorprende a clasificación do equipo canario, cun balance de dez vitorias e unha derrota, porque ten "un equipo enorme" e todos os seus xogadores están a render "a un nivel altísimo". 

"Son moi bos e xogan moi ben porque teñen moi claro os focos onde atacar e facer dano ao rival. Tacticamente teñen un despregue enorme, tanto defensivo como ofensivo, e contan con xogadores con experiencia, formación e calidade para afrontar todo o que lles pide Txus [Vidorreta, adestrador do Iberostar Tenerife]", comentou o preparador compostelán.

Fernández non dubidou en identificar o rival como "un dos equipos máis en forma" da Liga Endesa, e advertiu que de xogaren "cómodos e relaxados" as opcións de vitoria dos seus diminuirán "de forma exponencial". "A dificultade estará en non dar facilidades a un equipo con tanta calidade e que xoga tan ben. Mais nós temos virtudes e argumentos para sermos quen de sacar o partido adiante", destacou.

Neste sentido, subliñou que os seus xogadores terán que evitar "os erros non forzados" que tanto os penalizaron no encontro contra o San Pablo Burgos. "Temos que conseguir limitar esas perdas que despois che pasan factura no ofensivo e defensivo, non só desde un punto de vista do marcador, senón tamén anímico", advertiu.

Fernández podería contar con Mike Daum, que realizou o primeiro adestramento colectivo co grupo na cuarta feira pola tarde e viaxou co equipo a Tenerife. Mentres, Kassius Robertson tivo unha sobrecarga no talón que lle impediu adestrar ao mesmo ritmo que os seus compañeiros e será dúbida até última hora.

Respecto canario

Malia o Iberostar partir como favorito, tamén desde o conxunto tinerfeño falan con cautela do enfrontamento de hoxe co Obradoiro, que virá "co coitelo entre os dentes" para buscar a vitoria, segundo declarou o xogador grancanario Fran Guerra nun vídeo enviado polo club.

Guerra destacou o poderío interior do mellor xogador de setembro, Laurynas Birutis, a dirección de xogo de Chris Czerapowicz e de Albert Oliver e o rendemento "extraordinario" do antigo aurinegro Álex Suárez.

Por iso, asegurou, "temos que saír concentrados e cun bo plan de partido; esperamos seguir coa xeira que temos porque a queremos alargar todo o posíbel".

Comentarios