O Obradoiro perde diante o Barça nun encontro moi igualado

Os de Moncho Fernández mantiveron vivo o partido case até o final. O Barça gaña cun resultado (83-67) que non fai xustiza ao xogo na cancha.

Un momento do encontro entre o Barça e o Obradoiro (Foto: MO).
photo_camera Un momento do encontro entre o Barça e o Obradoiro (Foto: MO).

O marcador final (83-67) non define un partido en que o Monbus Obradoiro conseguiu plantar cara ao Barça na súa propia casa durante máis de 30 minutos. O acerto final dos cataláns fixo imposíbel outro resultado malia os de Moncho Fernández non deixaron de loitar durante todo o encontro.

Cun inicio igualado, coa idea por parte dos galegos de manter a intensidade defensiva do seu rival, teimaron en estar acertados en ataque.

Os de Moncho Fernández tentárono desde a liña de 6,75, sen conseguilo (1/6 no primeiro cuarto), mais si atoparon as súas vantaxes no xogo interior, da man de Birutis e de Ellenson. Así, o primeiro cuarto finalizou con total igualdade no electrónico (19-19).

Encontro igualado

O Barça, que non lograba atacar con fluidez grazas á defensa obradoirista, conseguía en cambio cargar aos galegos con faltas, sumando así puntos desde a liña de tiros libres.

O Monbus Obradoiro seguía sen atopar o acerto exterior tan necesario (2/11 ao descanso), mais continuou apoiándose en Birutis e Ellenson para facer dano en ataque ao Barça.

Os de Jasikevicius fixéronse cun parcial de 7-1 que parecía que quería abrir fenda no electrónico, mais Birutis freouno cun 2+1 para o 26-27.

Dous triplos de Mirotic e Smits parecían dar de novo vantaxe aos seus, mais un triplo de Robertson e os dous tiros libres anotados por Okouo tras falta na mesma xogada, máis outra canastra do pivote obradoirista no seguinte ataque, empataba o encontro a 34.

Ao descanso chegouse cunha vantaxe para os cataláns de 3 puntos, tras anotar Sergi Martínez un triplo case sobre a bucina.

Falta de acerto do Obradoiro

Tras o paso por vestiarios, o Barça pisou o acelerador e o conxunto galego, que seguía sufrindo no rebote e na falta de acerto, tivo dificultades para seguir o ritmo imposto e viu como a renda aumentaba até os 10 puntos (48-38).

O Monbus Obradoiro non baixou os brazos e conseguiu recortar distancias grazas ao xogo interior e aos puntos de Robertson (50-47).

Smits sumou catro puntos para os seus e, unha canastra sobre a bucina de Mirotic, fixo que o cuarto terminase cun 57-50 no electrónico.

Imponse o Barça

O conxunto santiagués non se daba por vencido e os seus xogadores botáronlle dedicación e ganas mesmo conseguindo un parcial de 2-9 co que acadaron o empate a falta de 6 minutos para o final cun triplo de Beliauskas (59-59).

E só nos minutos finais, o Barça conseguiu despegarse cunha última arrancada, impoñendo o seu físico e o seu acerto grazas á súa calidade individual de xogadores como Calathes, Kuric e Mirotic. Os obradoiristas xa non foron capaces de volver diante un conxunto catalán que mandaba no rebote e tiña o acerto final necesario para facerse coa vitoria (83-67).

O Monbus Obradoiro regresa a Santiago para preparar o seu próximo compromiso como local, este sábado 12, ás 20.45 horas, no que recibirá ao MoraBanc Andorra na Caldeira.

Comentarios