O Obradoiro cuestiona o novo límite de público nos pavillóns

O derbi galego do 3 de xaneiro, prexudicado
O rendemento de Džanan Musa volverá ser chave para o Breo. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera Dzanan Musa foi declarado mellor xogador da Liga en decembro. (Foto: CB Breogán).

Se a Covid-19 non o impide, na próxima segunda feira, día 3 de xaneiro de 2022, está previsto que se desenvolva no Sar (Compostela) a gran festa do baloncesto galego: o derbi entre Monbus Obradoiro de Compostela e Leite Río Breogán de Lugo, únicos representantes da Galiza na máxima categoría masculina.

Unha cita que é sinónimo de pavillón ateigado, ou polo menos érao até o de agora, pois a decisión do Comité Interterritorial de reducir a capacidade autorizada nos recintos interiores a 50% do seu límite máximo causará aos clubs un importante prexuízo económico polos boletos que deixarán de vender, e tamén a uns seareiros e seareiras que non terán a oportunidade de animar os seus equipos.

O Obradoiro, a través do seu director xeral, José Luís Mateo, denunciou esta situación na Radio Galega, criticando que levan padecendo "moitos meses de cambios de guión, de ocorrencias e de novas medidas" que se traducirán en que para o derbi galego ante o Breogán non poderá estar nas bancadas do Sar nin unha soa afeccionada lucense, pois encheran ese 50% da capacidade do polideportivo unicamente coas persoas aboadas.

Dzanan Musa, un MVP 'galego' na Liga ACB

Con ou sen público celeste nas bancadas, quen si estará sobre a pista do Sar será o flamante 'MVP' da Liga ACB no mes de decembro, o bosníaco do Breogán Dzanan Musa.

En total, fixo de media 27,3 puntos (87,9% en tiros libres, 64,7% en tiros de dous e 46,2% en triplos, pasando do 1/8 no primeiro partido do mes ao 11/18 desde o 6,75 nos tres duelos posteriores), sete rebotes, 5,3 asistencias, dúas recuperacións e 34 de valoración en 33 minutos e 47 segundos por acto.

Cun +18 para o Leite Río Breogán no Máis/Menos de decembro con el en pista e un -10 con el no banco, o actual líder da liga Endesa en puntos (18,9) e valoración (20,8) acabou decembro sen baixar en ningún encontro dos 25 puntos, estirando un momento moi doce de forma que acabou por vestilo coas cores de 'MVP'.

Como non podía ser doutro modo, o seu rendemento non pasou desapercibido para algúns dos mellores equipos do continente, caso de Milán ou Baskonia, mais Musa parece querer ficar en Lugo.

Comentarios