Obradoiro abre o campionato co Zaragoza e Breogán ante Murcia

A ACB oficializa o calendario da tempada 22/23.
Con 2,13 de altura, Brajkovic reforzará o xogo interior do Breogán. (Foto: Davidson College Athletics).
photo_camera Con 2,13 de altura, Brajkovic reforzará o xogo interior do Breogán. (Foto: Davidson College Athletics).

Monbus Obradoiro e Leite Río Breogán, os dous únicos equipos da Galiza na máxima categoría do baloncesto estatal, a Liga ACB, xa coñecen o seu calendario íntegro de cara á inminente tempada 2022/23 logo da publicación do calendario completo.

Así, a escuadra da capital debutará no 29 de setembro -quinta feira- ás 19 horas da tarde no Sar ante Casademont Zaragoza. A da cidade da Muralla, pola súa parte, fará o propio o mesmo día, mais ás 21.30 horas na casa do UCAM Murcia. Trátase de dous choques, sobre o papel, do máis igualado, pois Obra e Zaragoza remataron a pasada Liga nas posicións 15 e 16, respectivamente, mentres que Murcia e Breo ocuparon os postos 10 e 11 na 2021/22.

Ningún dos dous terá que agardar demasiado para a segunda xornada, pois apenas catro días despois (2 de outubro, domingo) o Leite Río Breogán estrearase no Pazo Provincial ás 12.30 contra Carplus Fuenlabrada. Ao mesmo tempo, mais no WiZink Center, o Monbus Obradoiro afrontará o sempre complicado desafío do Real Madrid.

O primeiro derbi galego da tempada chegará o 8 de xaneiro (17 horas) en Lugo, nun encontro correspondente á décimo quinta xornada de campionato. O partido de volta entre Obra e Breo será en Compostela ás 18 horas do 25 de marzo.

Leite Río Breogán asina Luka Brajkovic

A entidade celeste continúa o seu proceso de "balcanización" desde á chegada a Lugo do técnico croata Veljko Mršić. O último xogador en chegar desde esa zona de Europa -unindo o seu nome así aos do seu compatriota Toni Nakic e os dos serbios Stefan Momirov, Marko Luković e Nemanja Nenadic é Luka Brajkovic, nado en Austria pero con orixes iugoslavas.

A directiva do Leite Río Breogán definiu o pivote como "un xogador con grande envergadura, enerxía e polivalencia, con gran talento para o rebote e capacitado para anotar desde calquera posición, destacando pola súa boa man exterior (40,1% de acerto en triplas na última tempada)".

Con 2,11 metros de altura e 23 anos de idade, chega a Lugo tras achegar 14,4 puntos, 7,1 rebotes e 2,5 asistencias de media por encontro cos Davidson Wildcats, mesma universidade na que se formaron estrelas do nivel de Stephen Curry.

Comentarios