O xinete eléctrico branco-azul galopa cara á supervivencia

Electricidade no ambiente e electricidade, espasmódica, no xogo. Sensación de que estás aí, debruzado sobre abismo, xusto aí onde calquera esvarón é mortal. E 30.000 gorxas a berrar. Riazor foi un fortín e o seu alento colocou o Deportivo á beira da salvación, a só un ponto da fronteira entre a élite e o inferno.

Depor
photo_camera Depor

3-2 ante o Zaragoza. A terceira vitoria consecutiva. Só faltan 4 ou 5, de acordo cos cálculos de Fernando, para selar o billete de permanencia un ano máis entre os mellores. "Se gañamos catro ou cinco encontros estaremos en Primeira División, fixeren o que fixeren os demais", dixo o treinador de Castrofeito após o encontro na conferencia de imprensa.

O Deportivo saíu ao relvado a galopar como un xinete eléctrico, posuído por unha enorme determinación, a clase de intensidade que os treinadores demandan as equipas en estado de necesidade. E o estado do Deportivo era de máxima necesidade, tanta que unha derrota tería significado virtualmente a despedida da élite.

O xinete ten un cerebro de 38 anos que xoga como poucos futbolistas no planeta. Valerón. Fai o que non fan os demais. Ve o que non ven os demais. Atopa corredores secretos, fírgoas, ocos, lañas alí onde a tropa bate contra un muro.

O xinete ten estremidades eléctricas, un fino gambeteador como Bruno Gama e un corcel elegantísimo chamado Pizzi

E o xinete ten despois estremidades eléctricas, un fino gambeteador como Bruno Gama e un corcel elegantísimo chamado Pizzi, un dos futbolistas de maior clase do campionato.

Para completar o cuadro, o suor xeneroso de Abel Aguilar e o talento asociativo de Juan Domínguez. Ollen as estatísticas. En todas as vitorias do Deportivo aparece JuanDo no once titular.

O partido foi desigual e apaixonante, con altos e baixos. Os goles do Zaragoza foron agasallos dun Deportivo que aínda arrastra a inercia do pechacancelas, por algo está aí. Mas con Fernando o Deportivo fala outro idioma. A linguaxe do fútebol. A asociación para facer algo. Non para derramar o balón, senón para o colocar en zona de perigo rival. Cun chisco máis de acerto ou cun chisco máis de puntería (ou sexa, cunha tesourería que permitise ter un dianteiro deses que che garanten 20 goles no campionato), este Deportivo estaría chamado a disputar as prazas de honra no campionato. Onte, o Zaragoza ben puido ter saído de Riazor con 5 ou 6 goles no saco.

"Gañamos osíxeno e estamos na pelexa. Estamos onde queriamos estar", dixo Fernando ao termo do encontro. Gañar 3 partidos consecutivos a estas alturas do campionato, cando a tensión agarrota as pernas, é unha enorme proeza. Mais, advertiu o treinador galego, aínda fica todo por conquistar.

Deportivo: Aranzubia; Manuel Pablo (Ayoze, min. 87), Aythami (Zé Castro, min. 61), Marchena, Sílvio; Abel Aguilar, Juan Domínguez; Bruno Gama, Valerón, Pizzi; e Riki (Salomao, min. 74).

Zaragoza: Roberto; Sapunaru, Álvaro, Loovens, Abraham; Movilla, Romaric (Bienvenu, min. 77); Edu Oriol (Víctor, min. 60), Rodri (Carmona, min. 85), Montañés; e Hélder Postiga.

Goles: 1-0, min.11: Bruno Gama. 1-1, min.16: Hélder Postiga, de penalti. 1-2, min.35: Montañés. 2-2, min.40: Marchena. 3-2, min.55: Abraham, en própria meta.

Árbitro: José Antonio Teixeira Vitienes, do colexio cántabro. Expulsou Fernando Vázquez e Abraham. Do Deportivo receberon cartón amarela Aythami, Abel Aguilar, Manuel Pablo, Riki e Marchena.

Comentarios