O Universidade de Vigo de rugby comproba que todo é posíbel após derrotar o líder da liga estatal

O derradeiro encontro perante o Bizakaia Gernika, actual líder da liga estatal de rugby, insuflou folgos ao Blusens Universidade de Vigo, que cunha clara vitoria (34-15) conseguiu librarse da má racha de resultados que os acompañaba dende os inicios da temporada.
Vicente Prieto pasa a Wyper
photo_camera Vicente Prieto pasa a Wyper

Nun partido de dominio cuase absoluto da equipa local, o de máis nivel disputado no estadio de As Lagoas no seu cuarto de século de traxectoria, o Universidade fixo vibrar os seareiros vigueses cun xogo inmellorábel para a celebración do 25 aniversario de vida do clube.

O encontro eríxese para o cuadro nado en Lalín, Aleixandre Branco, alias Monti, coma “un punto de inflexión” na traxectoria da equipa que, tras desilusións reiteradas durante os cinco primeiros meses da liga, está a presenciar “a consolidación da estratexia de xogo” e “a recompensa aos múltiples esforzos quer dos xogadores quer da directiva do clube”. “O partido permitiu avaliarnos como equipa e logramos que o contrario se sentise impotente por non ter posibilidade de reacción ante o noso dominio”, afirma Monti en declaracións a Sermos Galiza.

A permanencia na máxima categoría do rugby estatal é case unha obriga

Neste senso, o capitán dos vigueses, Vicente Prieto, engade que o trunfo demostrou que “no momento que estamos e co xogo que temos, podemos gañar a calquera equipa de calquera categoría”. Asemade, reflexiona que o feito de ser o primeiro conxunto galego que compite na máxima categoría estatal leva aparellada coma “principal obriga” a de representaren o País e “ser o principal referente do rugby xogado en Galiza”.

O maior soño para a temporada debúxase, para ambos xogadores, en acadar os play-offs nos que as seis primeiras equipas clasificadas competirán para acadar a mellor distinción. Con todo, de non lograren este obxectivo nos sete encontros que restan de temporada, Monti manifesta que “a permanencia na categoría de honra, é case unha obriga”.

Comentarios