Esta fin de semana O Parrulo Ferrol de fútbol sala organizou o Torneo benéfico #LosPatosNuncaVuelanSolos de parchís online, a beneficio do Banco de Alimentos Rías Altas.
Na competición participaron 64 parellas, nunha inscrición que se tivo que pechar o mediodía do mércores para garantir un bo desenvolvemento da proba.
Case todas as parellas comezaron a xogar durante a tarde do sábado, no marco da eliminatoria previa, mentres que durante todo o domingo desenvolveuse o resto de roldas, disputándose as finais durante esa noite.
Os vencedores das camisetas oficiais asinadas polos xogadores do primeiro equipo foron a parella formada por Alberto e Álvaro, mentres que as vencedoras das bufandas oficiais foron Usa Zarco e Alejandra.
Os gañadores e gañadoras recibirán os seus premios cando finalice o estado de alarma e existan as garantías sanitarias para realizalo.
Solidariedade ante todo
Neste Torneo benéfico obtivéronse 306 euros, dos cales 192 formaron parte das inscricións e 114 procederon das doazóns da fila 0, que serán doados ao Banco de Alimentos Rías Altas.
Desde O Parrulo Ferrol queren “dar as grazas” a todas as participantes neste Torneo benéfico #LosPatosNuncaVuelanSolos, e desexan que a iniciativa resultara “entretida e satisfactoria, como tamén a todas as persoas que colaboraron na fila 0 coa causa do Banco de Alimentos Rías Altas”.