O Obradoiro procura dous millóns de euros para poder continuar na ACB

O clube de baloncesto precisa que se adquiran 1.957.000 euros divididos en 15.660 accións de 125 euros cada unha. De non reunir esa cifra para se converter en SAD, descendería automáticamente de categoría
Ambiente nun partido do Obradoiro
photo_camera Ambiente nun partido do Obradoiro

O Obradoiro Clube de Amigos do Baloncesto procura perto de dous millóns de euros para converterse en Sociedade Anónima Deportiva (SAD). A entidade de Compostela necesita que sexan adquiridos 1.957.000 euros divididos en 15.660 accións de 125 euros cada unha para poder afrontar dita conversión en SAD, que require un capital social mínimo de algo máis de tres millóns de euros.

Para atinxir este obxectivo dase inicio a unha terceira fase da campaña en que calquera que o desexar pode facerse cunha parte do capital, quer a través das oficinas do clube (en Fontes do Sar), quer do teléfono 981558448 ou a través do correo electrónico [email protected].

Esta terceira fase conclúe o vindeiro 15 de xullo, xa que o límite fixado pola ACB é para comezos de agosto. Os actuais abonados ao Clube xa achegaron uns 600.000 euros, polo que gozan de vantaxes como descontos nos abonos, entrada de balde o día do clube ou mesmo ofertas en distintas empresas.

Se a entidade deportiva de Compostela non lograse converterse en SAD, descendería de categoría de forma automática e, alén diso, perdería o fondo de compensación de ascensos e descensos (que aboou no seu día, así como o canon, o que suporía uns tres millóns de euros)

Comentarios