O ultradereitista "Salva" Ballesta de segundo treinador do Celta?

As redes sociais ferven pola posibilidade de que o segundo do novo treinador do Celta sexa o "Salva" Ballesta pola súa ideoloxía fascista. Algúns medios aseguran que non virá a Vigo.

 

As redes sociais mobilizáronse diante da posibilidade de que o segundo de Abel Resino, "Salva" Ballesta, veña a Balaídos. O polémico ex-xogador do Atlético de Madrid e do Valencia non ocultou nunca as súas simpatías coa ultradereita e tivo varias denuncias na súa época de xogador por declaracións fascistas.

En 2004 chegou a afirmar que para rematar coa violencia en Euskal Herria había que darlle "72 horas aos que hai que darllas e verás como se acaba rápido". Noutra entrevista a unha web ultra aseguraba que "España está por riba de todo" e que "as Forzas Armadas e os Altos Mandos deberían dar un taconazo". Remataba a mesma entrevista asegurando que gostaría de coñecer a Tejero e cun "a España servir até morrer".

Naceu nunha familia vencellada coas Forzas Armadas españolas e mesmo chegou a estudar para piloto civil aínda que rematou no fútbol. En Twitter xa circula o hashtag #OCeltismoNonQuereASavaBallestaEnVigo e a presión semella que causou efecto polo que din nas mesmas redes sociais xornalistas da imprensa deportiva.

Abel Resino, un especialista en salvar equipas

Abel Resino (Toledo, 1960), o novo treinador do Celta, xogou de porteiro case toda a súa carreira profesional no Atlético de Madrid, onde conseguiu o récord de imbatibilidade mundial en 1991. Como treinador comezou como segundo de César Ferrando na tempada 2004/05 para logo debutar co Ciudad de Murcia (2005/06). Logo pasaría polo Levante, Castelló, Atlético de Madrid, Real Valladolid e Granada, onde treinou até xuño de 2012 após salvar a equipa andaluza do desceso a segunda división. 

A "especialidade" de Resino é a de salvar equipas. Evitou os descensos a Segunda do Levante, en 2007, e do Granada, o ano pasado.

 

 

Comentarios