O Liceo xógase o título de liga en Lleida, onde a vitoria o proclamaría campión

O conxunto coruñés volvería gañar o torneo da regularidade vinte anos despois se este sábado vence ao Lleida en terras catalás. Os verdes levan toda a Liga no liderado. 

hockey
photo_camera hockey

Chega a derradeira xornada na máxima división do hockey sobre patíns estatal. A número 30. En 28 das 29 anteriores o líder foi o Liceo da Coruña, que ten nas súas mans o título xa que depende de si mesmo para conquistar un trofeo que se lle resiste dende hai vinte anos. Este sábado a partir das 20.00 (retransmitido en directo pola TVG-2) os coruñeses disputan o partido decisivo en Lleida, onde unha vitoria lles asegura o campionato, se ben en función do resultado do Barcelona -que se atopa a un punto- poderían obter o título incluso cun empate ou mesmo unha derrota. 

O equipo que dirixe Carlos Gil conta con todos os seus efectivos, entre eles as principais referencias como Josep Lamas e Jordi Bargalló, elixido este último como mellor xogador da Liga após unha enquisa entre adestradores e capitáns. “Esqueceremos a presión así como a bóla comece a rodar. Até teríamos pagado algo das nosas fichas se ao principio da tempada dinnos que chegaríamos á xornada final dependendo de nós mesmos”, afirmou o xogador a Radio Coruña no día previo, xa dende terras catalás, ás que viaxa tamén un autobús de seareir@s verdes. 

Nas últimas datas, o Liceo notou o alento na caluga do poderoso Barcelona e incluso sufriu un tropezo na pasada xornada en Riazor, cando empatou contra o Igualada. O ruxe-ruxe sobre as posíbeis primas aos seus rivais por parte do club blaugrana segue sobre a mesa, mais os liceístas aseguran estar centrados e confiados nas súas posibilidades, sen prestar atención a outras circunstancias. Entre elas tampouco se atopa a posíbel presión ambiental que adoito sofren en canchas catalás, posto que a de Lleida é unha das máis tranquilas e conta cunha importante separación entre a pista e a bancada. 

De lograr a vitoria, o Liceo sumaría a súa sétima Liga, que se uniría a un impresionante palmarés -especialmente a nivel europeo- que o sinala como a entidade deportiva máis laureada de Galiza. 

Comentarios