O Liceo retén a lideranza na OK Liga após empatar en Riazor cun grande Barcelona

Hoquei de altísima calidade sobre a pista do Palacio de Deportes de Riazor.

Cheo total nas bancadas. O encontro entre as dúas mellores equipas do campionato saldouse cun empate a 2 goles e unha frenética intertroca de golpes nos vibrantes últimos minutos do choque. No tramo final, o Liceo acariñou a vitoria (desbaldiu unha pena máxima, estrelou unha bola contra o ferro dereito da baliza blaugrana), mais o empate sérvelle para manter dous pontos de vantaxe sobre a escadra catalá e, portanto, reter a lideranza da hoquei liga.

Foi un duelo con moitas alternativas, un 1-0 nada máis comezar o encontro a cargo de Josep Lamas puxo ao Liceo en vantaxe, mais o Barcelona foi quen de lle dar a volta ao taboleiro de marcas con senllos goles de Marc Torras e Sergi Miras (1-2). O empate asinouno Jordi Bargalló, a 1:40 da conclusión da primeira metade. Non habería máis goles. O que si habería sería hoquei de moitos quilates no segundo acto do xogo.

A TVG non tivo a ben retransmitir a vivo o encontro pola súa segunda canle, que en teoría ten unha especial vocación deportiva. Si o retransmitiu através da súa web. Verdadeiramente incomprensíbel.

Ficha Técnica:

Quinteto inicial do Liceo: Malián, Josep, Matías, Eduard e Bargalló.

Quinteto inicial do Barcelona: Sergi, Torra, Panadero, Reinaldo e Pablo Álvarez

Taboleiro de marcas: 1-0: Josep Lamas (24:21); 1-1: Marc Torra (12:56); 1-2: Sergi Miras (08.40); 2-2: Jordi Bargalló (1:40).

Comentarios