O Liceo pode hoxe volver erguer a liga de hockey tras 20 anos de seca

Unha vitoria dos coruñeses ante o Barcelona no Palau permitiría ao club conquistar o seu sétimo título ligueiro. Trinta anos despois de conquistar a súa primeira liga (1982/83) e 20 desde que lograra a última (1992/93)

Liceo

A Coruña pode hoxe volver revivir a época dourada do hockey na cidade e en Galiza,aqueles anos 80 e principios dos 90 nos que o Liceo de Hockey era o mellor club de Europa, o equipo que puxera fin á hexemonía catalán neste deporte.

A cita é ás 21:00 horas, no Palau Blaugrana (transmitirase por TVG 2) e fronte o Barcelona. Case nada! Non vai ser un encontro doado. Mais o equipo de Carlos Gil sabe que de gañar sacaría 9 puntos de vantaxe ao Barça e sería campión. De perder, tería posibilidades se conquista catro dos seis puntos que fican. Ten que enfrontarse ao Igualada (na Coruña) e ao Lleida, este en terras cataláns.

O Liceo chega a este encontro após cumprir os seus compromisos nos últimos partidos, derrotando a Voltregá, Noia, Blanes ou Vendrell. Hoxe ten enfronte un Barcelona cunha segunda volta de vertixe. Mais os coruñeses teñen na súa man o ser campións de liga e sumar así unha máis ás seis que posúen. A primeira delas, lograda en 1982/83. E a última, que non derradeira, dez anos despois, en 1992/93.

Comentarios