A derrota ante o Barça en Riazor sela o descenso do Dépor

O fin do pesadelo

Acabou a tortura. Case mellor. Os números do Deportivo esta temporada meten medo. 28 pontos en 35 partidos. 6 vitorias, 10 empates, 19 derrotas. 34 goles a favor, 69 en contra. Fíxose mal todo o que se podía facer mal. Na xestión puramente deportiva, a directiva non tomou unha soa decisión con xeito. O descenso así era inevitábel. Esta é a terceira perda de categoría nas últimas dez temporadas. Mais esta, a tres choques do fin do campionato, foi a máis dolorosa

albentosa
photo_camera Albentosa tenta frear Messi, que anotou un hat trick en Riazor

O decimoterceiro teito salarial do campionato de Primeira División xogará a próxima campaña na Segunda División. Un descenso sen coartadas e sen paliativos. Gaño a pulso. Até 5 gardametas distintos baixo os paus (récord histórico), até 3 treinadores no banco. Un desatino de principio a fin. O resultado non podía ser outro que a perda de categoría.

O último capítulo deste serial de terror viviuse en Riazor contra a mellor equipa da década, o Fútbol Clube Barcelona. O antónimo do Dépor. 7 dos últimos 10 títulos de liga. Certo é que a distancia orzamental entre uns e outros é sideral, mais desta volta nen sequer as nóminas serven de escusas: até 7 equipas dispuñan de menos peculio que o Deportivo no presente campionato.

Contra o Barça o Dépor ofereceu un partido tan digno como inútil. Era ilusorio pensar en derrotar o Barcelona, como tamén o era sumar tres vitorias nos tres capítulos finais de liga. No entanto, é surprendente que algúns futebolistas que estiveron practicamente desaparecidos durante o ano -o caso máis claro é o de Lucas- acordasen xusto agora, cando xa estaba todo perdido.

Baixado o pano sobre o verde, chega a hora dos despachos. As eleccións -en realidade, o asalto ao accionariado, pois este clube é unha sociedade anónima- son inevitábeis. A xestión deportiva de Tino Fernández está no albo dos sectores críticos, fundamentalmente nucleados arredor da figura do ex presidente Lendoiro. Ninguén agarda que o histórico dirixente branquiazul tente un retorno -aínda que só sexa por que acaba de superar unha grave doenza- mais si cabe esperar que persoas da súa contorna -como xa anunciou Miguel Otero, ex presidente da Federación de Peñas- procuren reunir suficiente apoio societario para postularse como relevo de Fernández na súa condición de primeiro executivo do clube.

Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Schär, Luisinho, Borges (Andone, min. 86), Krohn-Dehli, Guilherme (Muntari, min. 83), Emre Çolak, Lucas e Borja Valle (Fede Cartabia, min. 86).

Barcelona: Ter Stegen, Semedo, Piqué, Umtiti, Jordi Alba, Rakitić (Iniesta, min. 87), Busquets, Coutinho (Paulinho, min. 74), Dembélé (Denis Suárez, min. 68), Luis Suárez e Messi.

Goles: 0-1 Coutinho (min. 7); 0-2 Messi (min. 38); 1-2 Lucas (min. 40); 2-2 Emre Çolak (min. 64); 2-3 Messi (min. 82); 2-4 Messi (min. 85).

Árbitro: De Burgos Bengoetxea (c. vasco). Cartóns amarelos a Schär (min. 20) e Semedo (min. 58).

Incidencias:  25.786 persoas en Riazor.
 

Comentarios