O Deportivo peta nas portas do inferno

Sen un átomo de tensión é imposíbel sobreviver na élite. O Deportivo é hoxe unha equipa amortizada. Non ten nen enerxía nen fútbol. Na era post-Oltra (6 partidos sob a dirección de Paciência, tres baixo Fernando), o Depor gañou só 5 dos 27 pontos en xogo. O empate co Rayo (0-0) deixa a equipa galega petando nas portas do inferno.

Engruñado. Sen ánimo. Con medo a fallar. Así é imposíbel que unha equipa compita con opcións de suceso na Liga, muito menos cando diante tes a un combo tan aseado como o que prepara Paco Jémez.

No primeiro acto do xogo, o Deportivo -lastrado pola temperá lesión de Riki, a súa mellor baza ofensiva- xogou perante o Rayo como se o fixera perante o Real Madrid ou o Barcelona. Os de Jémez botaron man do passing game e aquilo foi un monólogo. O mellor dos branquiazuis, un inspiradísimo Aranzubia. Uns metros por diante do gardamallas vexetaba un defensa central que nunha determinada altura aterrou no Atlético de Madrid como un proxecto de estrela. Zé Castro. Estivo horroroso. Lento. Impreciso. Un agasallo para a vangarda rival. Menos mal que ao seu carón estaba Marchena, que aínda ten certo amor propio, embora ao final deixase a súa equipa con 10 por dúas entradas, a segunda assaz estúpida, a Trashorras.

O de Rábade, Trashorras, impartiu unha memorábel leición sobre o relvado de Riazor. Un futbolista marabilloso. Durante boa parte do xogo, o único futbolista galego no campo. Algo que debe facer reflectir ao clube da Praza de Pontevedra: hai alguén aí, alguén interesado en algo máis que en conservar o seu salario?

O de Rábade, Trashorras, impartiu unha memorábel leición sobre o relvado de Riazor. Durante boa parte do xogo, o único futbolista galego no campo.

Na segunda metade, é certo que o Deportivo gozou dalgunha oportunidade, algunha faísca de Pizzi, un desvío de Valerón na boca de gol, moi pouca bagaxe canto te estás xogando a vida e unha vitoria túa te coloca a só 6 pontos do Zaragoza.

O pior non é a distancia que afasta o Deportivo da liña de salvación, o pior é que esta equipa transmite derrota, o pior é que esta equipa non acredita en si mesma. Game over.

Comentarios