O Deportivo desaparecerá se non hai un acordo cos acredores en dúas semanas

A administración concursal lanza un ultimato e dá quince días para asinar un convenio, o que deixa en mans de Facenda e a Banca o futuro do club branquiazul, que xa está a piques de alcanzar os 15.000 socios

Sabido era que xullo sería o mes decisivo para a supervivencia do Dépor. Mais os prazos están a se acurtar. A administración concursal do Dépor, que está en mans da sociedade AD Cyrezx, instou á directiva do club e aos acredores a chegar a un acordo para asinar un convenio nos próximos quince días baixo a ameaza de que, de non facelo, solicitarán ao xuíz a liquidación da entidade. 

Polo tanto, o futuro do Deportivo quedará resolto en dúas semanas por unha imposición que deixa en mans dos acredores -principalmente a Axencia Tributaria, Novagalicia Banco e Banco Gallego- o resultado final, logo de que o presidente Augusto César Lendoiro -baixo cuxa xestión o Dépor sumou 156 millóns de débeda- tampouco fose capaz de chegar a un acordo nos últimos seis meses, algo que agora intenta co apoio da Liga de Fútbol Profesional, mentres que a administración concursal e algúns acredores seguen recibindo presións de carácter case político para que aceleren o proceso que podería resolverse coa desaparición do histórico club galego.

Os administradores remitiron un correo electrónico ás partes co seu ultimato, que foi recibido con contrariedade pola directiva de Lendoiro, que afirma non ter “ningunha dúbida” de que o club resolverá a súa situación actual e lamenta que este tipo de accións poidan danar a imaxe do Deportivo agora que busca fichaxes para completar un equipo que volve ao traballo esta mesma semana.

Namentres, a afección mantén o seu alento e xa camiña cara os 15.000 socios cando resta máis de mes e medio para o comezo da competición, en Segunda no mellor dos casos, xa que tamén podería ser en Segunda B se hai denuncias de impago por parte de futbolistas e mesmo en ningunha categoría se non hai un acordo cos acredores e a entidade desaparece, algo complicado de imaxinar dada a súa ampla base social.

Comentarios