O Deportivo afronta a fase decisiva para garantir a súa viabilidade

Após superar a simbólica data do 30 de xuño, cando tiña que pechar o acordo cos xogadores para evitar denuncias, o club coruñés negocia contra o reloxo un trato cos acredores ao tempo que crecen as críticas a Lendoiro.

Lendoiro
photo_camera Lendoiro


Para o Deportivo este 30 de xuño non foi só a data na que deixaron de estar definitivamente vinculados ao club catorce futbolistas, senón que tamén estaba marcada en vermello por ser unha especie de primeiro 'match-ball- para o futuro do club, xa que nese día tiña que ter pechada a entidade un acordo cos futbolistas sobre as súas débedas para evitar denuncias e o posíbel castigo do descenso a Segunda B. Mais o apoio recibido nos últimos días polo sindicato de xogadores -AFE- e a propia Liga de Fútbol Profesional (LFP) provoca que, malia o proceso concursal e a enorme débeda de 156 millóns, o club branquiazul entre na fase decisiva para a súa supervivencia con algúns pequenos indicios esperanzadores dentro dun panorama moi complicado.

En só catro días volverá aos adestramentos o equipo de Fernando Vázquez con só catorce futbolistas convocados, o que proba a precariedade na que se atopa a entidade, que tamén nestes días posibelmente liquidará o seu periódico -DeporSport- e algunha que outra filial, xa fóra do ámbito de xestión de Lendoiro, que continúa a recibir fortes críticas polo seu labor, se ben as alternativas que se buscan entre varios sectores da cidade e do deportivismo non acaban de cristalizar.

A AFE e a LFP avalan a Lendoiro, que propón pagar a débeda en 20 anos e sen quita

O grande problema é económico. E tras varios meses en concurso aínda non se chegou a un acordo cos acredores, que tamén reciben presións para que se neguen a calquera acordo que non signifique o despedimento de Lendoiro. Nese terreo é onde se entende a mediación de AFE e LFP, dúas entidades moi importantes dentro do fútbol estatal e que intentan avalar os plans do aínda presidente, que propón pagar a débeda en vinte anos e sen quita. Falta a resposta de Facenda e Novagalicia Banco, os dous grandes acredores, que teñen na súa man a liquidación do club se non aceptan un acordo, pero que de non facelo quedarían sen recuperar nada, ademais da má imaxe que, sobre todo a entidade bancaria, se crearía entre o deportivismo. Outra cousa é que poidan haber grupos de presión na Coruña interesados na desaparición do Dépor para facerse cargo do club que o substitúa e iniciar así un proxecto a longo prazo. Non parecen contar estes con ningún apoio da afección, que tampouco está xa con Lendoiro, ao que se lle pide que se marche para facilitar un relevo ordenado, na maioría dos casos recoñecendo parte da súa xestión.

En 4 días o Dépor de Fernando volta aos adestramentos só con 14 futbolistas convocados

En todo caso, o Deportivo xa está en xullo, o mes máis decisivo da súa historia, no que terá que evitar denuncias de futbolistas e asegurarse unha viabilidade que lle permita, en agosto, seguir en competición e pensar e volver a medio prazo á Primeira división, como é o desexo dos seus xa máis de 14.000 soci@s.

Comentarios