O Deportivo vai ao Camp Nou sen se pór ningún límite

O treinador deportivista conta con Nelson e Riki non viaxará. Fernando di que non pensa no empate. O encontro será este sábado (Camp Nou, 20 h).
O Depor treinando

Fernando Vázquez confía en realizar unn bo papel diante do Barça este sábado. "Vexo o equipo moi ben animicamente”, asegurou en conferencia de imprensa en Riazor. O actual treinador do Depor é consciente de que “as dificultades son todas, só hai que mirar a clasificación", mais non dá a salvación por perdida. Desde a súa chegada á Coruña non se cansa de repetir que “até que a equipa non estea matematicamente en Segunda, continúo a pensar que é posíbel”.

A listaxe de 18 xogadores convocados está formada por: Aranzubia, Manuel Pablo, Alex, Aythami, Pizzi, Juan Domínguez, Assunção, Lux, Abel Aguilar, Bruno Gama, Ayoze, Camuñas, Silvio, Jesús Vázquez, Valerón, Salomão, Nelson Oliveira e Insua.

Riki non viaxará

O treinador do Deportivo xa avisara que Riki non sería titular no partido do Camp Nou contra o Barça. Fernando Vázquez non contará con el até ter “unha seguridade absoluta de que está ben” logo de falar co equipo médico. Fernando sabe que o xogador quer estar no Camp Nou, aínda que “o partido máis asequíbel é o da xornada vindeira contra o Celta”. Segundo deixou claro “o máis intelixente é non arriscar, pensando máis no Celta que no Barça”.

Fernando Vázquez: “Ao Barça só se lle pode xogar ou moi arriba ou moi atrás, as dúas maneiras son correctas”

Proba de lume para Nelson no Camp Nou

“Nelson ten que mellorar en competitividade, é moi novo”, comentou Fernando Vázquez sobre o dianteiro internacional portugués, “ten que autorreflexionar e dar moito máis do que está a dar agora”, sinalou. O “recado” do treinador chega nun intre delicado no que o Depor precisa puntuar canto antes, mesmo contra o líder na clasificación. Vázquez non entrou en polémicas e explicou que o portugués ten toda a súa confianza como para xogar este partido no Camp Nou.

O Barça

Malia a eliminación da Copa do Rei e algún que outro resultado negativo nos últimos partidos, a equipa culé segue a ser un riva formidábel. “Sacarlle a pelota ao Barcelona é case unha tarefa imposíbel, impón tanto o seu estilo que a xente non llo discute”, afirmou Fernando Vázquez, “só se lle pode xogar de dúas maneiras: ou moi arriba ou moi atrás, as dúas son correctas”. Algo que ten seguro o treinador do Depor é que non sairá a empatar. “Ninguén pensa en empatar, penso en gañar”.

Os xogadores tamén contan con saír a polo Barça. Juan Carlos Valerón asegurou en conferencia de imprensa que “é un campo difícil contra unha equipa dificil, tentaremos sorprender, dar o mellor de nós”. Valerón afirmou que os seus compañeiros seguen “con ilusión e preparados para os partidos que veñen agora con rivais moi directos”. O centrocampista Paulo Assunçao conta con que o do sábado será un partido "complicado e duro" no que "temos que procuparnos por non errar".

Actos da peña deportivista de Barcelona

A peña deportivista de Barcelona organiza varias actividades o mesmo día do partido. Pola mañá disputan un amigábel entre membros da peña e seareir@s culés (10 h.). logo visitarán o hotel de concentración da equipa coruñesa e xantarán na sede da propia peña. Teñen previsto saír para o Camp Nou cara ás 18 h.

Tamén esta fin de semana Barcelona contará cunha peña deportivista máis. Aproveitando a presenza do Depor nesa cidade, fundarase a Peña deportivista 'Miau Miau'.

Comentarios