Ningunha das afeccións se dá, nin moito menos, por vencida. Co HT de #Pódesepor bandeira, os deportivistas están convencidos de que perante o Levante (sábado, 18:00 horas) van confirmar que os últimos encontros non son froito do chou ou da sorte. O Levante vai de 11º e ten 40 puntos. Os herculinos, 18ª. Veñen de gañar o Zaragoza cunha gran remontada e o ánimo (de xogadores, adestrador e siareir@s) está moi alto.
Non terán a Fernando Vázquez no banquiño, após ser sancionado con dous encontros, e Riki é dúbida para esta cita, o que pode que obrigue a refacer a táctica de ataque deportivista. Mais a confianza na vitoria é enorme. E con ela, conquistar a permanencia.
Sen marxe
O Celta xoga o luns (21:00 horas) e perante o Mallorca moito máis que tres puntos. Ambas equipas empatan a 24 puntos e son pechacancelas (mallorquíns) e penúltimos (galegos). Polo que esta cita vai ser agónica. O HT celtista é #XuntosConseguirémolo. As bancadas celestes non están dispostas a se render. E saben que a permanencia é posíbel. O Celta é experto en facer o imposíbel.
A vindeira xornada, os celestes teñen outra cita de importancia, contra o Zaragoza, outro rival directo. O Ceta sabe que gañar estes dous encontros é crucial.
Mentres, e desde a Segunda división, o CD Lugo enfróntase mañá o Alcorcón, que vai segundo na táboa, con 56 puntos. Os lucenses van 11º con 46. O equipo de Setién quere gañar o encontro e poñer un novo chanzo no camiño que está a protagonizar.