O Depor podería ser expulsado da Liga se non paga aos xogadores antes de xullo

Un escrito da Liga de Fútbol Profesional solicita o levantamento do embargo e avisa de que o clube coruñés quedaría fóra das competicións oficiais se non paga as débedas aos xogadores.

A Liga de Fútbol profesional (LFP) botoulle unha man a Augusto César Lendoiro, presidente do Deportivo da Coruña, posicionándose a prol do levantamento do embargo das contas que posibilitarían o pago das nóminas aos futbolistas. Un escrito remitido por Carlos del Campo, secretario xeral da LFP, indica que se o clube coruñés non exerce as súas obrigas laborais "será expulsado das competicións profesionais e resultará imposíbel a viabilidade do mesmo". Os salarios que constan na LFP son 11.627.525 euros desta tempada e 807.365 euros, pola rescisión de contratos.

A LFP argumenta que estas cantidades teñen que pasar aos xogadores dentro desta mesma tempada

A LFP argumenta que estas cantidades teñen que pasar aos xogadores dentro desta mesma tempada, antes do seu remate no mes de xullo de 2013. Caso de non realizarse o pagamento neste prazo o Depor quedaría expulsado das competicións oficiais. A única solución, segundo o secretario da LFP, sería o levantamento do embargo "para que o Deportivo poda seguir participando na competición profesional futbolística organizada por esta Liga".

Primeira nómina

Os xogadores da primeira equipa do Depor cobraron hai un mes a súa primeira nómina desde setembro. Daquela o clube pagou polo levantamento de varios embargos sobre ingresos nas contas de Riazor. Un deles procedía do operador televisivo Mediapro, propietario dos dereitos televisivos, e a cantidade 10,62 millóns de euros.

Comentarios