O Dépor dá sinais de vida

Entendámonos: os problemas continúan aí -como o dinosauro no conto de Monterroso-, mais o Dépor acordou a tempo para, no mínimo, enfundar a primeira vitoria do campionato. Mel continúa sen dar coa tecla, porén a equipa ten este curso máis calidade do que no pasado. Digamos Cartabia. Digamos Valverde. Digamos, sobre todo, Schär. E digamos Lucas, que aínda a 70 por cento do seu físico, continúa a ser muito Lucas.

Deportivo-Alavés. Luisinho celebra o gol do Dépor
photo_camera Luisinho celebra o gol do Dépor

Era un partido agónico, con ar de traxedia terminal, no capítulo cinco do torneo, ese tipo de cousas das que está inzada a historia do Déportivo. Un combate entre dúas escadras que entre elas só sumaran un ponto (o escuálido empate galego no campo de Levante) na liga. O Alavés chegaba a Riazor aínda cun lastro maior: nen un só gol até o de agora en todo o campionato. E así abandonou tamén a verde pradeira coruñesa. Cero pontos, cero goles en cinco partidos. Ese foi o rival do Dépor esta cuarta feira.

Certo que non había moito contrincante, mais tamén é verdade que o Deportivo exhibiu certos sinais de recuperación a respeito da inanidade de choques pretéritos. Os futebolistas ían ao balón, entraban con enerxía ás disputas, presionaban. A ver, o normal en fútebol profisional. O normal que non se deu, por exemplo, en 60 dos 90 minutos da comparencia anterior na casa perante a Real Sociedad (2-4).

Apostou de entrada Pepe Mel nun duplo pivote (Borges-Guillerme), con Fede Valverde, un medio-centro puro, un chisco máis para adiante. O uruguaio estivo espléndido, moi participativo e con perigo nas botas en varias accións. En todo caso, esa estrutura na medular ten un defeito non menor: nengún deses tres futebolistas é criador, nengún é, poñamos por caso, Çolak, que felizmente si apareceu após o descanso.

Quen si é criador -e ten aspecto de futebolista maiúsculo- é o zagueiro helvético Schär. Trata a bola cunha exquisitez nada habitual nas liñas de retagarda e dispón dun lanzamento de longa distancia sen igual na equipa. Ten tamén desborde e é moi quen de filtrar pases ás costas dos centrais rivais. Ten o que non teñen nen Borges nen Guillerme.

De resolver o resultado encargouse Luisinho, eléctrico como sempre, un deses tipos que nunca refugan o combate e que se enlean en todas as melees. Disparou desde fóra da área, co interior, con grande clase, un servizo medido de Andone, emboscado o romanés no fondo da área após superar por velocidade a defensa vasca. O gol, no último suspiro da primeira metade, sentenciou o choque.

RC Deportivo: Pantilimon, Juanfran, Arribas, Schär, Luisinho, Guilherme, Fede Valverde, Borges, Fede Cartabia (Bruno Gama, min. 90+2), Andone (Borja Valle, min. 89) e Lucas (Emre Çolak, min. 63).

Deportivo Alavés: Pacheco, Vigaray, Rodrigo Ely, Maripán, Rubén Duarte, Dani Torres (Rubén Sobrino, min. 69), Manu García, Burgui (Alfonso Pedraza, min. 62), Medrán, Ibai e Munir (Romero, min. 83).

Gol: 1-0 Luisinho (min. 45+1).

Árbitro: Medié Jiménez (c. catalán). Cartóns amarelos a Vigaray (min. 50) y Maripán (min. 62).

Incidencias: partido correspondente á 5ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR perante 18.612 espectadores.

Comentarios