O CRAT xógase a liga feminina de rugby en Barcelona

As xogadoras coruñesas teñen un partido decisivo contra o INEF Barcelona, líder actual da liga estatal (este domingo, 12 horas, campo Feixa Llarga).

As coruñesas do CRAT xogaranse este domingo en Barcelona a posibilidade de pasar á historia deste deporte. Após a súa clara vitoria da semana pasada diante das tamén catalás do Gotics R.C. (100-0), a equipa de Rogelio Sabio ten a posibilidade de gañar a un dos rivais directos polo título, o INEF Barcelona.

A xornada anterior as tres equipas que loitan polo premio de levarse o título na División de Honor venceron con claridade os seus partidos. Se as galegas impuxeron o seu bo xogo non quedaron atrás as do INEF Barcelona (venceron en Girona ao G.E i E.G.,10-65) nin a do Olímpico Pozuelo R.C (ao C.R. Majadahonda, 10-64). Faltan dúas xornadas para que finalice a tempada e unha vitoria das galegas daríalles moitas posibilidades de vivir unha última xornada de infarto.

O INEF Barcelona, actual campión, xoga co factor campo e as galegas, subcampioas o ano pasado, demostraron nos últimos partidos que van a máis. O treinador do CRAT, Rogelio Sabio, pensa na vitoria partido a partido, "gañar en Barcelona xa é un aliciente”, e agarda dar a sorpresa.

Lidera a clasificación o INEF Barcelona con 24 pontos (223-45), seguido do Olímpico Pozuelo con 21 (231-56) e en terceiro lugar o CRAT Universidade da Coruña con 20 (255-56).

Comentarios