O CRAT UDC loita por recuperar as opcións á liga estatal de rugby feminino

A equipa feminina de rugby da Coruña ten esta fin de semana diante as Gotics R.C. (sábado, 16:30 h., TVG2), a oportunidade de continuar no tren da liga.
CRAT UDC

A División de Honor Feminina volve á competición. As vixentes campioas e primeiras na clasificación, INEF Barcelona, terán que xogar no campo do Palau Sacosta en Girona (sábado, 14:30 h.).

As segundas, Olímpico de Pozuelo R.C., veñen de gañar ás galegas do CRAT UDC e teñen o seu último partido da Liga a domicilio diante o C.R Majadahonda (sábado 16 h.).

As galegas do CRAT UDC, polo seu lado, xogarán coas Gotics R.C e teñen a posibilidade de recuperar postos na clasificación após a súa dura derrota en Pozuelo.

Nas tres primeiras xornadas as coruñesas do CRAT UDC foron quen de disputarlle a hexemonía ao INEF Barcelona. Coa última derrota tócalles pensar nos partidos que lles quedan. Rogelio Sabio, treinador do CRAT, pensa que "a priori debería ser asequíbel este partido". A posición na clasificación das catalás, últimas, e o feito de que ascenderan este mesmo ano podería ser unha das chaves. "Hai un chanzo de calidade", asegura Sabio, "que permite supoñer que sacaremos o encontro adiante".

Sabio: "Hai un chanzo de calidade que permite supoñer que sacaremos o encontro adiante"

Opcións de título

"Agora non depende de nós". O treinador das coruñesas é así de contundente cando fala da posibilidade de gañar esta liga. A cesión do primeiro posto da clasificación após a derrota diante do Olímpico de Pozuelo R.C por 27-12 deixou ao CRAT con dúbidas na loita polo título. Sabio pensa que "depender de terceiros complica a situación" e agarda realizar un bo partido diante do actual lider, o INEF Barcelona, no seguinte partido do campionato. "O nivel nesta liga é moi parello e hai que xogar aínda que moitas das opcións deixámolas en Pozuelo".

Comentarios