O CRAT UDC de rugby remata terceiro na División de Honor Feminina

As xogadoras coruñesas chegaron a aspirar ao título, o obxectivo desta tempada. O último partido finalizou cunha cómoda vitoria (39-5) diante do GEiEG Girona.
CRAT UDC 39 - GEiEG Girona 5

As xogadoras do CRAT UDC remataron a sétima e última xornada da División de Honor Feminina de rugby con vitoria e acadaron a terceira praza na clasificación final. O campo de Elviña viviu un excitante campionato no que as coruñesas mantiveron un grande nivel, mesmo con opcións de levar o título de campioas.

“O obxectivo era quedar primeiras”, sinala o presidente do CRAT UDC Alfredo López, “polo que non podemos dicir que o acadaramos”. Diante tiveron equipas moi fortes como o INEF Barcelona, gañador do título, e o Olímpico de Pozuelo, segundo clasificado. “Xogamos con elas na súa casa e estaba dentro do posíbel a derrota”, afirma o presidente.

Agora o CRAT UDC ten xa o pensamento na seguinte tempada. “Queremos manter a mesma equipa aínda que hai veteranas e no rugby feminino non é doado fichar pola falta de xogadoras”.

Última vitoria

O adeus á tempada das xogadoras do CRAT UDC non foi complicado. O partido comezou con presión das coruñesas e ensaio de Shaan no minuto 11 (5-0). As catalás non tiveron moitas oportunidades en Elviña e as galegas aproveitaron o seu bo xogo para seguir cos ensaios de Ana no minuto 16 (10-0), de Mónica transformado por Helen no minuto 23 (17-0), outra volta Shaan no minuto 37 (22-0), Vanessa no minuto 40 (27-0), o terceiro de Shaan no minuto 44 (32-0) e por último Helen transformado por ela mesma no minuto 51 (39-0). Nos últimos minutos do encontro o G.E.I.E.G marcou o ensaio de honor para deixar o taboleiro de marcas final en 39-05. Con este resultado a equipa catalá terá de xogar a fase de promoción.

Comentarios