O Concello da Coruña organiza o 'I Torneo de e-Sports Cidade da Coruña'

A crise provocada pola pandemia da COVID-19 está supoñendo o definitivo impulso dos e-Sports en todo o mundo, e Galiza non ía ser menos. Así, na Coruña desenvolverase desde o vindeiro día 17 de abril a primeira edición dun torneo de FIFA 20 organizado pola Concellaría de Deportes. 

ea-esports-2
photo_camera Os 'e-Sports' consolídanse como unha opción de ocio máis en tempos de confinamento (Foto: Nós Diario).

Continuando  co  programa  #EuQuedoNaCasa e #ActívomeNaCasa, que se vén desenvolvendo desde o Concello da Coruña, a Concellaría  de  Deportes  organiza  o I Torneo e-Sports Cidade da Coruña, no que poderá participar toda a veciñanza maior de 16 anos.

A competición de FIFA 20 para Playstation 4 desenvolverase a partir do vindeiro día 17 de abril, e os encontros retransmitiranse vía streaming pola web municipal.

O Regulamento e o formulario de inscrición están xa dispoñibles na páxina web do Concello, así como nas redes sociais da propia Concellaría.

As persoas interesadas poderán inscribirse desde hoxe até as 23:00 horas do día 15 de Abril de 2020, e recibirán nos seus enderezos electrónicos a confirmación da súa participación, así como a data na que xogarán o seu primeiro partido, o seu rival e as instrucións para facelo.

Os e as participantes optan a gañar como primeiro premio unha Playstation 5 e un xogo FIFA 21 –que recibirán cando estean dispoñíbeis no mercado, probabelmente no último trimestre do ano-, así como o dereito a competir nun partido contra o  gañador do partido de FIFA 20 que disputarán futbolistas profesionais do Dépor e do Celta e que tamén será retransmitido pola web do Concello da Coruña.

O obxectivo da iniciativa é facer “máis livián” a situación de confinamento provocada pola pandemia da COVID-19 entra a mocidade, segundo sinalan desde a Concellaría de Deportes.

Comentarios