O Compostela despediu a temporada rodeado da súa xente

Equipo e seguidores fundíronse nunha emotiva festa.
Festa no Capitol ascenso Compos

A noite do sábado, coincidindo co último partido da temporada, foi a elixida para que o Compostela e a súa afección se agradecesen mutuamente o esforzo realizado durante esta campaña. Foi o momento para festexar xuntos os éxitos logrados. Os seguidores compostelanistas premiaron o compromiso dos xogadores, os técnicos e a directiva do clube ao longo deste ano.

O equipo percorreu nun autobús antigo a distancia entre San Lázaro e a Capitol

Os xogadores apresaron o regreso de Boiro á capital galega para non alongar a espera dos afeccionados na sala Capitol. O equipo percorreu nun autobús antigo a distancia entre San Lázaro e a Capitol. Alí agardaban un cento de seguidores co obxecto de renderlles homenaxe. Polo palco foron desfilando os futbolistas que fixeron posíbel o ascenso á Terceira División. Tamén subiron ao escenario o equipo técnico e o resto do persoal do clube. O primeiro en tomar a palabra foi o capitán, Roberto Piñeiro que agradeceu a responsabilidade da actual xunta directiva e o compromiso dos adestradores no proxecto de clube. Seguiuno Anxo Casalderrey, que presentou un emotivo vídeo sobre o equipo e o traballo realizado nesta campaña. O presidente da entidade deportiva, Antonio Quinteiro, concluíu as intervencións mostrando o agradecemento a toda a afección e ao equipo. "Non" podemos entender "o Compostela sen a súa incondicional afección. Somos un", declarou Quinteiro.

O himno oficial do club adquiriu todo o protagonismo no segundo tramo da festa. A viúva de Manuel Múñiz, compositor da música da peza, recolleu emocionada a placa de homenaxe ao seu marido. A continuación, o homenaxeado foi o director da Orquestra Compostela, grupo que gravou por primeira vez o cántico e comezou a súa difusión.

Comentarios