O Compos celebrará na Sala Capitol o ascenso

Este sábado, 26 de maio, festa branquiazul na sala Capitol con música e unha homenaxe a M. Muñiz, autor do himno. Por outro lado, a A Esedé inaugurou xa a sala de trofeos que está no mesmo campo de San Lázaro.
Inauguración sala de trofeos Albarrán do SD Compostela
photo_camera Inauguración sala de trofeos Albarrán do SD Compostela

A S.D. Compostela finaliza este sábado a Liga co ascenso asegurado e decidiu celebrar unha gran festa este sábado na Sala Capitol da cidade. Ao finalizar o partido contra o Boiro, os xogadores, equipo técnico, directiva e persoal do club, regresarán a Compostela para celebrar a fin de tempada e a consecución dos obxectivos marcados: ascenso e campionato. Na festa homenaxearase a figura de M. Muñiz, compositor da música do actual himno da S.D e a Orquestra Compostela que gravou por primeira vez o cántico oficial. A entrada será de balde e a apertura de portas está prevista para as 21:00 horas.

A viúva de Albarrán, presente na inauguración, recordou emocionada os anos de vida que o seu marido dedicou ao Compostela.

Inaugurada a sala de trofeos
O Compos xa ten sala de trofeos do club co nome do ex presidente José Albarrán Juárez. A actual directiva da Esedé recuperara hai uns días o patrimonio do clube. As medallas, os trofeos e as placas honoríficas que compoñen a historia da entidade deportiva regresaron ao seo da S.D. Os galardóns do Compos estarán expostos no estadio de San Lázaro para que toda a afección poida gozar deles. Albarrán, presidente da entidade deportiva na década dos 70 (entre 1969 e 1978), foi un piar fundamental na historia da S.D. Compostela. Durante os seus anos de mandato, dotou o club dunha sede social e instalou iluminación eléctrica no campo de Santa Isabel. Máis tarde, en 2006, adquiriu en poxa 25 lotes de trofeos do Compostela co obxecto de preservar a historia da entidade e evitar que se dispersasen. A viúva de Albarrán, presente na inauguración, recordou emocionada os anos de vida que o seu marido dedicou ao Compostela. "Traballou moito. A cantidade de diñeiro que destinou ao equipo é incalculable. Depositou todo o seu cariño e ilusión no club branquiazul. Ás veces deixaba de lado a súa vida persoal e os seus compromisos familiares polo Compos. Mesmo faltou a vodas por acudir a partidos. Foi unha vida chea de sacrificios, e tamén sufrimento, polo amor ao escudo compostelanista".

Comentarios