O Celta, a polo Barça a ritmo de 'reggaeton'

Os celestes disputan hoxe o seu antepenúltimo compromiso ligueiro.
C Tangana podería ser o autor do himno do centenario do Real Club Celta. (Foto: Europa Press).
photo_camera C Tangana podería ser o autor do himno do centenario do Real Club Celta. (Foto: Europa Press).

"Hala (hala)/¿Qué pasa? (oye)/Tú ('cucha, 'cucha)/Pucho (ese Pucho)/Chipu, chipu, chipu (pucho)/Eso e' (hala)/Hala, hale (eso e')/De punta en blanco para tu fiesta". A letra do tema Tú Me Dejaste De Querer de C Tangana  adquire unha nova interpretación logo da irrupción da posibilidade de que a estrela do reggaeton sexa o autor do novo himno celeste co gallo do centenario do club, que se celebrará o próximo ano 2023.

Con este ritmo urbano na cachola e a inminente festa dos 100 anos no corazón a escuadra olívica encara o seu antepenúltimo compromiso ligueiro, ás 21.30 horas de hoxe no Camp Nou ante nin máis nin menos que o Fútbol Club Barcelona.

O choque chega apenas 72 horas despois de que o Celta protagonizase a súa maior goleada (4-0, con dous tantos dun Iago Aspas que, con 17, se sitúa como segundo máximo goleador do campionato) no que vai de Liga 2021/22 ante o Alavés do galego Joselu.

Con este resultado logrou, por fin, a salvación matemática, polo que afronta sen presión algunha o maiúsculo desafío dun Barça vido a menos nas últimas semanas, polo que non cabe descartar unha sorpresa galega.

O obxectivo dilátase

E se o Celta conseguiu certificar o obxectivo da permanencia, o Club Deportivo Lugo terá que agardar polo menos unha semana máis tras empatar outra vez -xa van 20 en 39 partidos, máis que ningún outro equipo da Segunda-, nesta ocasión ante o Ibiza de David Goldar. Tras adiantarse con gol en propia porta dos insulares tan cedo como no minuto 5, pouco despois do descanso Ekain subiu ao marcador as táboas definitivas.

 Sen cambios na táboa da Primeira RFEF

Deportivo, Rácing de Ferrol e Celta B continúan a súa senda triunfal na terceira categoría do fútbol estatal, e logo de sumar os tres puntos nos seus respectivos compromisos reafirmaron a súa posición nos postos de privilexio.

O conxunto herculino, segundo, gañou administrativamente ao desaparecido Estremadura. Máis meritorio foi o triunfo duns Diaños Verdes que superaron pola mínima na súa casa ao sempre rochoso Unionistas (0-1, Fran Manzanara). Finalmente, o filial celeste goleou 5-3 nun espectacular partido á histórica Cultural Leonesa e continúa no play-off cun colchón de catro puntos.

Comentarios