O Celta zafa

O equipo logra a permanencia grazas ao empate do Real Madrid co Leganés e sen ser quen de gañar fronte a un Espanyol xa descendido.

Celta (Foto Celta)
photo_camera Celta (Foto: Celta)

O Celta fica en Primeira División. E punto. Pouco máis que dicir dun equipo que nestas últimas tres tempadas rendeu por baixo do que se esperaba del e coqueteou co descenso. Tres anos sen aprender a lección.

O Celta certificou este domingo a súa permanencia na máxima categoría. E fíxoo máis que por méritos propios (empatou co descendido Espanyol nun partido para arroibar) grazas a que o Real Madrid  empartou cun Leganés que fixo méritos sobrados para non descender.

Con 37 puntos, o Celta zafou. Dependía de si propio para ficar en Primeira mais semellaba que a cousa non ía con el. A falla sobre o céspede de xogadores como Rafinha ou Nolito non val como desculpa. Até o VAR se aliou cos celestes e anulou un gol do Espanyol.

O Celta foi incapaz nos 90 minutos de certificar por si propio a salvación, un triste epitafio  para unha tempada para esquecer. “O nivel do celta non pode ser o de pelexar para non baixa”, manifestou o adestrador celeste, Óscar García. Mais a realidade é que ese leva sendo o nivel nestas tres últimas tempadas.

Comentarios