O Celta toca fondo en Getafe

Sen argumentos. Sen tensión. Sen opcións. Un tuiteiro resumiuno á perfección ao chiar que desde que Iago Aspas non marca, o Celta non gaña un só partido.
Celta Orellana
photo_camera Celta Orellana

O Celta empéñase en non pór terra de por medio co Deportivo e a súa situación comeza a se tornar cuase tan desesperada como a do combo agora treinado por Fernando Vázquez.

En Getafe asinou a historia de sempre das últimas xornadas: graves erros de defensa e moi pouco, case nada, que ofrecer en ataque.

A equipa de Herrera regala de máis para ser competitivo en Primeira División e o Getafe, logo de ser pulverizado no Camp Nou, aceitou gostoso os agasallos.

Que unha equipa que se está a xogar literalmente a vida na elite entregue un encontro en apenas 45 minutos de xogo relévanos de facer máis comentarios. Só un dado: Iago Aspas, o futbolista franquicia da escadra, retirouse do relvado con media hora de xogo por diante.

A segunda parte foi un formulismo, cun Celta entregado. Tanto que a conta oficial do clube en twitter apenas rexistrou lances perigosos na portería contraria.

O choque deixou un momento para a historia: o debú na Primeira División dunha nova pérola de A Madroa, o xuvenil Santi Mina, que mesmo se atreveu a probar fortuna nunha ocasión en que os celestes viron até penalti por man dun zagueiro xetafense.

Comentarios