O Celta gaña e será o representante de Galiza na élite, mentres o Depor descende ao perder en Riazor

Balaídos e Riazor viviron a éxtase e a tristeza. O Celta gañou ao Espanyol (1-0) e o Deportivo cedeu perante a Real Sociedad (0-1). A equipa viguesa será o representante de Galiza na liga estatal. O Deportivo volta á Segunda División. A súa situación -afogado polas débedas, en concurso de acreedores- tórnase delicadísima.

Celta e Depor
photo_camera Celta e Depor

Dous goles -Natxo Insa en Balaídos, Griezmann en Riazor- selaron a dispar fortuna para Celta e Deportivo nun final dramático, agónico, do campionato estatal de liga.

O Celta conseguiu o que semellaba imposíbel tres xornadas atrás e con 37 pontos mantén a súa praza en Primeira División. O gol de Natxo Insa, a pase de Iago Aspas, deu aos de Abel Resino a tranquilidade para xestionar o xogo. O heroe, nomeadamente na primeira metade, foi Rubén, o gardamallas xuvenil da equipa que estivo colosal en varias ocasións francas do combo espanyolista.

O Deportivo morreu na beira, embora ter enfrentado a última xornada do campionato un ponto por enriba do descenso. O calendario reservoulle un rival fortísimo no último acto: unha Real Sociedad con inequívoco ar de Champions League. A remontada dos branco azuis -cando chegou Fernando a equipa estaba a 9 pontos da salvación- non puido consumarse por moi pouco.

Foi tamén xornada de despedidas, de Valerón do relvado riazoreño e de Iago Aspas do céspede de Balaídos. O xenio canario deixa a equipa en Segunda División. O seu legado é incomparábel. Aspas tamén deixa un oco moi difícil de encher. O punta de Moaña aspira agora a se abrir un oco na Premier League.

Comentarios