O Celta deixa fuxir de Balaídos 3 pontos que o terían tirado da zona do descenso

Non sempre a intensidade chega. Ás veces é preciso algo máis. Ese algo máis (con Iago Aspas autoexpulsado após o derbi) hoxe o Celta non o ten. Esta mañá deixou fuxir de Balaídos tres pontos que terían tirado os celestes da zona do descenso. Ocorreu perante un magnífico modesto. O Rayo de Paco Jémez (0-2).

Celta Rayo
photo_camera Imaxe tirada de Celta.Net

Se unha equipa se está a xogar a vida e en 90 minutos no seu estadio só é quen de chutar 2 veces entre os tres paus (e non moi ben) é que as cousas non pintan nada ben. Ante o Barça o Celta maquillou as súas carencias cun exercicio de fútbol obreiro, con sacrificio, traballo, e até cunha percentaxe de acerto perante o marco rival por enriba da media. Co Rayo as mesmas armas non foron suficientes. Talvez porque a equipa estaba máis atenazada polos nervios. O botín en xogo -unha vitoria teria tirado o combo celeste da zona de descenso- foi un factor de stress excesivo para os de Abel, que non souberon achar o ton preciso para se facer co xogo. E logo está o Rayo. Un grande entre os modestos. Ten un fútebol sinxelo e virtuoso. Jémez fabricou un mecano do máis preciso. E dispón dun excelente director de orquestra, o galego Trashorras, ex celeste, recibido con aplausos por Balaídos. Os de Abel deixárono ceibo de máis e un talento ceibo sobre o relvado sempre é fonte de problemas para a equipa contraria.

O caso é que o Celta enfrenta o tramo agónico e decisivo da temporada sen o seu futbolista franquicia, o único xogador celeste que é capaz de criar xogo -perigo- da nada. Sen Aspas o Celta baixa varios chanzos. Ou, no mínimo, non ten a capacidade para gavear na escada. Diso tirou proveito un Rayo que fixo o seu traballo. Un gol de Piti na primeira metade, a sentenza de Delibasic na segunda.

Park fracasou máis unha vez. Ao ser substituído, Balaídos ditou sentenza. No seu canto entrou en xogo un gladiador veterano, Mario Bermejo. Non garante muito máis gol que Park, pero si algo máis de compromiso, algo máis de intensidade.

Con iso non chega. Fai falta algo máis. Fútebol. O que o Celta non achou esta mañá perante o aseado Rayo de Paco Jémez.

Celta: Javi Varas, Jonny, Cabral, Demidov (Jonathan Vila, min.46), Roberto Lago, Oubiña, Álex López, Augusto, Orellana, Pranjic (Krohn-Dehli, min.81) e Park (Mario Bermejo, min.54)

R.Vallecano: Rubén, Tito, Gálvez, J.Figueras, Casado, Javi Fuego, Trashorras, Lass (José Carlos, min.62), Chori Domínguez (Adriñan, min.85), Piti e Leo Batistao (Delibasic, min.79)

Goles: 0-1, min.13: Piti; 0-2, min.82; Delibasic

Árbitro: Pérez Montero, do comité andaluz. Amonestou Álex López, Augusto, Mario Bermejo, Jonathan Vila, Orellana, Piti, Casado, Tito, Javi Fuego, Rubén

Aforo: 19.437 espectadores.

Comentarios