O Celta asaltará esta noite o Bernabéu coa intención de aproveitar as lapas do incendio branco

Esta noite. 21.30 horas. Santiago Bernabéu. O Celta sairá ao relvado a defender a renda da ida (2-1) nun encontro que lle pode outorgar o billete para xogar os cuartos de final da copa do Rei. Terá de confrontar a un Real Madrid incendiado polo confronto de Mouriño coa sección española do seu vestiario, a liderada polo garda-redes Iker Casillas.
Foto: Real Madrid
photo_camera Foto: Real Madrid

O treinador celeste, Paco Herrera, afirma ter as súas dúbidas á hora de confeccionar o once titular. Argumenta que para a equipa o fundamental é a liga, non a copa. Mais nen por iso se dá por derrotado, embora confira ao Real Madrid o rótulo de favorito. "Xoga na casa e non adoita deixar o seu taboleiro de marcas a cero". O desafío para o Celta é, por tanto, marcar cando menos algún gol. A quen? Esa é a gran dúbida que alimenta o morbo na imprensa desportiva madrileña, talvez unha cortina de fume de Mourinho con que tapar o mal momento de xogo da súa equipa.

Saen lapas do vestiario branco. Bon momento para Iago Aspas e compañía noquearen un vixente campión de liga que no actual torneo viaxa á sideral distancia de 16 pontos do Barça de Messi.

Comentarios